Ameazas á democracia

download pdf

Hai unha semana, día arriba ou abaixo, entrei nun café no que non adoito entrar. Colleume unha desas chuvias de verán neste clima sub-tropical (calor e chuvia intermitentes) que nos envurulla en Bélxica nesta fin da primavera. Contra prognostico noutras latitudes, mais nin tan estraño nestas, onde as linguas circulan e con elas as ideas (nin sempre atinadas, mais circulan), atopei unha revista, O Courrier International, na súa versión en portugués, o que fixo atractiva a escolla e doada a lectura. O tema central arredor do que orbitaban varios artigos era Ameaças á democracía”, con textos extraídos do The New York Times, Der Spiegel, Foreing Policy, The Huffington Post, Jiancha Ribao e The Wall Street Journal, xornais e revistas non sospeitosas de progresismo.

Un repaso dos temas fundamentais levoume a facer unhas catas de textos mentres o café arrefriaba, a calor ía en aumento e chovía ás refoleadas. Comprender /Ollar/ Saber/ Explorar/ Gozar. Nelas incluíanse varios artigos sobre a Guerra Quente (denominación propia contra a Guerra Fría) no Iemen, onde o inimigo do noso inimigo é tamén o noso inimigo, as fortalezas do Califato de Daesh e a penuria económica dos que viven baixo o seu poder, unha explicación unha chisca escura sobre sunitas radicais contra xiitas radicais tamén, combatidos por sunitas laicos moderados, que abominan dos alauitas por seren estes xiitas, e outras confrontacións entre credos rivais en baños de sangue diversos esporeados as máis das veces por intereses occidentais.

Falábase tamén das dificultades para vivir nos campos de refuxiados de Donetsk, das leccións que se poden extraer do xenocidio armenio, da fráxil democracia en Turquía (tan fráxil que hai quen fale da posibilidade dunha guerra civil inminente. Non faltaban referencias á fin da vaga de democratización en América Latina, logo dos vaivéns do poder na Arxentina, no Brasil e mais en Venezuela, todos tres lugares conflitivos, mais tamén o retroceso democrático na Europa do Leste cos réximes populistas reaccionarios de Polonia e Hungría, o golpe de Estado en Tailandia, os resultados decepcionantes da primavera árabe, que finou por producir (agás en Túnez, onde aínda consegue arfar de esperanza) réximes totalitarios e sanguentos, cando non dar pé a guerras civís (Siria, Libia) ou golpes militares (Exipto, Arxelia).

Toda esta relación de sucesos para lles dicir que a revista tiña un ano de vella (Maio do 2015) e que, como ben saben, dende entón todo foi a peor, sen traza de mellorar. O panorama é ben escuro pois nin os gobernos gobernan nin os cidadáns teñen garantidos os seus dereitos, nin aquí nin en todos os lugares que lles contei.

Todo este introito- longo, confeso- para lles contar que as eleccións de Hispania están aí e que hai que procurar ter voz nese parlamento (vai con minúsculas por unha cuestión de respecto). Eu vivo fóra do país dende hai tantos anos que xa son case metade da miña vida e vexo con satisfacción o agromar dunha resistencia que se vai organizando progresivamente e o persistir teimoso dunha resistencia organizada. Os dous tipos de formacións son necesarias para afortalar a democracia e para avanzar cara a un sistema de goberno máis xusto e igualitario. Na fin, o importante non é tanto quen goberne, senón para quen goberne. Soa estraño, mais non o é. Deixen que o explique.

Dende a transición política os gobernos sucesivos quer do Partido Popular (antes UCD + AP) quer do Partido Socialista (resístome a gardar o Obreiro das súas siglas para non cair nunha contradición á maior) non gobernaron para o común da poboación senón a prol das clases máis acomodadas, dos bancos e das multinacionais, instaurando, en definitiva, un sistema de produción asiático e un neo-feudalismo, onde os señores feudais son aqueles do Partido e aqueles que representan as empresas do IBEX 35 (onde, por certo, moitos dos baróns e baronesas retirados da política, ocupan lugares de relevancia). Agora o que compre é dar unha reviravolta, un chimpo democrático e reaxir diante da ignominia, indignarse e organizarse pola defensa dos dereitos dos cidadáns e a prol do goberno para a xente e non do goberno contra a xente.

Lembran supoño que nos dixeron que viviramos por riba das nosas posibilidades, que a culpa da crise era das xentes do común, que eles tiñan que inxectar diñeiro nos bancos (os bancos dróganse con cartos) para a nosa seguridade e para paliar os danos que nós fixeramos vivindo por riba das nosas posibilidades. Vai unha tautoloxía tras doutra levadas todas elas por esa máquina infernal que é a información. A información non é ma en si mesma. O que acontece é que a reiteración da información falsa contamina os sistemas. Repítese unha mentira até o delirio, agóchanse ou reprímense aqueles que disinten da visión oficial e finalmente amacianse as masas con grandes eventos deportivos que fan esquecer o que realmente importa. Por iso, soa estraño vou apostar –sempere- polo goberno para a xente.

Xavier Queipo