As revolucións (im)posíbeis

download pdf

O día en que morreu Fidel, experimentouse un ataque de nostalxia e de xenreira de proporcións planetarias. Case ninguén na nosa terra ficou indiferente, pois para moitos foi orgullo de tribo saber que os Castro eran desta nosa Galiza emigrante, e para outros foi vergoña saber que os seus foran desposuídos pola Revolución Cubana do resultado dunha vida de traballo logo de abandonar o país para unha aventura incerta.

Na miña familia sempre houbo un tema tabú cando nos xuntabamos nas festas familiares, pois moitos partiran dunha terra de fame para logo medrar na illa, pasar polas cadeas revolucionarias ou fuxir como delincuentes no éxodo que nos tempos de Jimmy Carter levou a milleiros de cubanos a bandonar a illa nas embarcacións que de Miami viñan aos recoller no porto de Mariel.

Daquela cando finou o Comandante en Xefe da Revolución Cubana, sentín, malia as miñas ideas confluíntes e unha avaliación positiva dos indicadores de benestar que na illa se dan, unha chea de sentimentos encontrados. Xa non tanto por cuestións de índole familiar, que xa ficaron atrás, senón tamén por esa nostalxia que aniña nos que chegamos tarde a calquera tipo de revolución posíbel.

No haber de Fidel están, por certo, eses indicadores que moitos dos meus amigos xa se apresuraron en comunicar nas redes sociais e en toda canta ocasión tiveron. A illa estaba en peor situación cando chegou a Revolución (si, con maiúsculas), cos guajiros vivindo na miseria máis terríbel que é o analfabetismo, a ausencia dunha vivenda digna e saneada, a negación dunha sanidade pública e unhas escolas (cando as había) que máis semellaban cortellos que lugares onde se aprenden os fundamentos da vida en sociedade.

Na súa contra, ao meu parecer, a perpetuación no poder por cinco décadas de levar o leme dunha Revolución con máis paternalismo que diálogo. Os xuízos contra o Xeneral Abrantes (Ministro do Interior) e contra o Xeneral Arnaldo Ochoa (o heroe de Angola) os dous en 1998, representan un punto de inflexión no réxime revolucionario. Despois da lúa de mel internacionalista, do exemplo dado de solidariedade, do papel que a illa tivo na Guerra Fría, chegou a corrupción xeneralizada nas forzas armadas e o xurdir dunha caste político militar que, no seo de Período especial, fixo estourar o descontento na poboación que pouco anos despois daría lugar a crise dos balseiros de 1994, no tempo en que nos EEUU gobernaba Bill Clinton. En troques de facer unha reflexión a fondo sobre os problemas que estaban por baixo desas situacións de abuso de poder no cargo, o aparato pechou filas e endureceu as condicións de liberdade. Era necesario? Se cadra si, se cadra foi a peor opción. É fácil dicilo dende fóra, é fácil reclamar xustiza particular cando o que está en xogo é a xustiza colectiva, cando o que esta en xogo é a excepción e a excelencia revolucionaria cubana.

Hai tempo escribín un artigo co título de: “Cuba, a illa dos tres bloqueos”. A tese, algo simplista, é que ao inhumán bloqueo comercial dos EEUU e ao bloqueo dos anticastristas de Miami, enrocados en fantasiosos plans de invasión da illa, sumábase o bloqueo do Partido Comunista de Cuba, rexeitando calquera evolución, enrocándose en posicións de ortodoxia afastadas da realidade política mundial e das aspiracións de boa parte do seu pobo. Un pobo educado como ningún outro no continente americano dende Alaska á Terra de Fogo, capaz de pensar por si mesmo e decidir o seu futuro coa madureza que dá unha experiencia continuada de vida solidaria. Agora que o bloqueo comercial dos EEUU se reduciu, un esperaría un desbloqueo progresivo da situación política no interior da illa. Dos exilados en Miami nada se pode esperar, pois neles aniña só a xenreira e a cobiza.

O mundo mudaba día a día a velocidade de vertixe e a Revolución semellaba estancada no culto á personalidade do lider máximo e os seus referentes. Se cadra era a reacción alérxica á democracia, vendo os resultados aberrantes a que esta conduce nas nosas sociedades capitalistas. Mais democracia non é incompatíebel con socialismo, antes ben, constitúe unha necesidade intrínseca ao desenvolvemento do socialismo, para transitar do socialismo paternalista ao socialismo real participativo.

Defendo eses avances sociais e esas ideas que estaban na base da Revolución cubana, pois non en van eu son tamén un utópico, mais coido que é necesario un aggiornamento. Xa non falo agora de Cuba, senón desta nosa querida terra, onde continuamos as atoutadas pensando que unha revolución é posíbel e temos como modelo as guerrillas da Serra Maestra. A besta mudou e é multiforme, o poder non se agocha nos gobernos senón nas corporacións económicas. Daquela o material utilizado na loita e os métodos necesarios para calquera cambio de sistema, van precisar dunha renovación sustancial. Hoxe, unha revolución como a cubana é impensábel e imposíbel, ou sexa que imos ter que traballar con outras coordenadas. Comezar se cadra por non lle chamar revolución.



Xavier Queipo