Enquisas

download pdf

Vou falar de banalidades. Daquela que se queren deter aquí a súa lectura pois non o considerarei un agravio, que se algo aprendín é que o afastamento do país nin é bo para todas as análises. Teño confianza en que alguén faga unha revisión máis polo miúdo, pois para iso están os expertos. Hai días falaba da primeira enquisa que aparecera nos xornais antes aínda de que se fixeran públicas as candidaturas ao Parlamento de Galicia. Era pois unha enquisa ficticia ou cando menos altamente especulativa, mais valía aos apousentados no poder para unha primeira manipulación dos votantes.

A enquisa do CIS viu a luz un día antes do comezo da campaña. Anunciábase con foguetes e bombo de alborada que a maioría absoluta do partido no goberno estaba cantada. Todas as outras formacións políticas xuntas non tiñan a mínima posibilidade de formar un goberno alternativo. Deseguida estendeuse o desánimo entre os amigos e coñecidos que, coido que para a miña honra, pertencen a catro das formacións que se presentan as vindeiras eleccións. Non había nada que facer, todo estaba perdido de antemán, a batalla era pouco menos que inútil, o goberno ía revalidar non só a súa maioría senón aumentala.

Eu estou lonxe de ser un experto en estatística e menos aínda dispoño da facultade de adiviñación. Mais tampouco son totalmente alleo ao feito de que a enquisa recollía como mostra a aqueles que tiñan certeza de que ían votar. Esta constitúe a primeira fonte de incerteza pois non é até a última semana (levados ás veces tamén polas enquisas dos últimos días ou por acontecementos que poidan ocorrer até o día 25 de setembro) que unha porcentaxe importante dos que hoxe dixeron que ían votar non o farán por ningún dos partidos e outra porcentaxe, non necesariamente menor, mudarán a súa intención de voto (como é sabido entre o 20 e o 30% dos electores deciden o seu voto nos últimos cando non no último día).

A segunda fonte de incerteza a constitúe o feito de que o 36% dos que contestaron as enquisas telefónicas (como se contan os que non responden o teléfono ou os que lle din aos que fan a enquisa que se vaian retratar) confesou que non sabía o que ían votar.

É certo que as dúas fontes de incerteza, o 30% e o 36% non son acumulativas senón dalgún xeito inclusivas. O que é certo tamén é que xa minguaron a vontade dos votantes. Espero que o desánimo non se estenda aos candidatos, pois conto que presenten os seus programas, pasen as súas mensaxes (mellor en positivo, sempre mellor en positivo), aseguren a lealdade dos seus seareiros e tenten engaiolar aos árbitros do xogo (ese 36 % que di que non sabe o que vai votar, ese 30% que vai decidir o seu voto o último día, influído por unha plétora de variábeis).

O seu voto –o seu propio- non depende das enquisas, senón do que vostedes, todos e cada un, decidan incluír no sobre onde vai a papeleta. Cada voto é un suceso independente, o resultado da súa vontade soberana, a expresión das súas ilusións. Non pensen no voto útil, calculado a partir desta ficción imprecisa das enquisas. Non teño sospeitas (non teño elementos para telas) de que as enquisas estean manipuladas e non correspondan coas respostas daqueles aos se lle pediu a súa opinión. O que teño sospeitas é que cando se presentan os resultados se dá por feito que son exactos (abraio polos números, polos expertos, polas técnicas que por descoñecidas poden semellar avanzadas, exactas, precursoras da adiviñación). Cómo poden ser exactas se hai cando menos un erro de case o 36% (o daqueles que non saben o que van votar). Este erro inherente non ten necesariamente que se distribuír de xeito homoxéneo, pois aqueles que votan ao partido do goberno dificilmente van mudar de voto, e non o van facer pois o seu é un voto fixo, de seareiros convencidos ben por irreflexión, por desleixo, por servilismo ou por fascinación polo poder.

Como confesei ao inicio falei de banalidades, mais desas banalidades que os titulares agochan, pois os medios de comunicación están deseñados para iso, non necesariamente para mentir, senón para dicir verdades a medias. Se o titular fose “segundo unha enquisa -da que non coñecemos os parámetros de erro nin de precisión- tal parece que existe un 64% de posibilidades de que o partido no goberno consolide unha maioría absoluta nas eleccións do 25 de setembro”, a sensación sería ben distinta. Poñan por caso que vostedes van ser sometidos a unha operación e o cirurxián dilles que teñen o 36% de sobrevivir. Non terían aínda unha esperanza, non porían todo o que estivera na súa man para coidarse, para limitar os factores de risco, para loitar con todas as súas forzas físicas e psicolóxicas, racionais ou esotéricas, para que todo saíra ben. Pois iso, coido eu que é a actitude diante destas enquisas imprecisas que se deitan ao ar co único obxecto de manipular vontades; manter a vontade propia e ir votar o que nos saia do arco cóncavo, independentemente do que nos digan que vai pasar; Cada voto, lembren, é un acto individual, volitivo e independente do que outros fagan ou pensen. Ánimo.

Xavier Queipo