Galego de nación

download pdf


Hoxe é 17 de maio e en tal día como hoxe vostedes dirán en Galiza, o Día das Letras Galegas, un día feriado para celebrar a diferenza na intimidade. É festa e daquela non hai escola nin traballo para a meirande parte dos empregados (os desempregados continúan a non ter traballo, xa se sabe, políticas de austeridade e outras ledicias teutónicas).

Hoxe é día 17 de maio e eu digo en Bélxica, o Día da liberdade de opción sexual. Non é festa e daquela hai que ir ao traballo aínda que na embaixada dos Países Baixos situaran a bandeira da monarquía dos Orange xunto a bandeira arco-da-vella que representa o movemento pola igualdade de dereitos dos homosexuais, lesbianas e transexuais.

Hoxe é día 17 de maio e eu penso que estou e non estou de festa. Difícil celebar aquí o Día das Letras Galegas, que tivemos que adiar para o 19 por mor de avisar a xente e facer coincidir as axendas da decena de poetas que imos recitar os poemas de Manuel María en varias linguas: galego, por descontado, por ser a lingua do poeta; francés, neerlandés e alemán, tamén por descontado, por ser as linguas do páís belga e xaora castelán, turco, inglés e árabe, por ser linguas de uso común na cidade de Bruxelas, cruzamento de camiños migratorios, enseada de culturas. Difícil celebrar o Dia da liberdade de opción sexual por non ser festivo e ter que estar no escritorio de 9 da maña a 7 da tarde, (contradecindo o tópico de que os funcionarios non traballan ou reafirmando aquel que dí que os galegos son traballadores de nación, ou raza condenada a traballos forzados). O día houbo que o celebrar o sábado 15, día no que estaba autorizada unha gran parada festiva no centro da cidade.

Difícil pois celebrar as efemérides do día 17, que tiven que modificar por exceso ou por defecto, ou sexa que, entre unhas cousas e outras, estou nun período de celebracións, sen, por tanto, estalo en absoluto. Con certeza non se perderon aínda nos razoamentos e espero que non se perdan se digo que este mesmo día 17 de maio de seguro que hai outras celebracións en varios lugares do mundo, importantes para eles, descoñecidas para nós. Por sorte aínda existe unha certa diversidade ideolóxica, comportamental, linguística, sexual. Na fin supoño que o que hoxe se celebra, como calquera outro día da vida, ou cando menos o que eu celebro e espero que vostedes tamén cada día é a diferenza como posibilidade, a liberdade de opinión como certeza democrática, a variabilidade linguistica desta cidade na que fun caer como por casualidade, o goce da sexualidade sen barreiras e sen estereotipos, a diversidade cultural desta terra que habito, a complexidade da realidade vivida nestes xa moitos anos de vida, dos cales só pasei metade na terra de orixe.

Eu so galego de nación, nin português nin español. Coido que en Galiza hai que falar galego, mais ao mesmo tempo levo tantos anos fóra dela que tamén fun perfeccionando o português (polo traballo) e o español (de Castela e das ex-colonias de México, Cuba e Arxentina, que fun as que vistei), aprendín (con esforzo, no colexio era bo en todo agás en debuxo e linguas) a moverme polo mundo usando un inglés que foi medrando en complexidade léxica e en erros gramaticais (polo contacto con toda esa xente que fala inglés con múltiples cordas de son e cunha gramática máis inventada que real), aprendín tamén o francés por razón de traballo e confeso con vergoña que mal aprendín o neerlandés (malia as oportunidades dos anos iniciais), redescubrín o italiano e o catalán (noutrora usados con máis asiduidade que agora mesmo). A bagaxe non é moita neste eido (mais aínda así supera á de todos os presidentes da Xunta dende que esta existe). Non se asusten, non me estou promovendo, sería un Presidente nefasto e continuaría así a saga dos presidentes prescindíbeis, que sempre tiveron un ollo posto noutra poltrona foránea.

Todas estas andrómenas autobiográficas para qué? Pois para celebrar un concepto que aprendín estes días de case-celebración. Do mesmo xeito que me aprenderan a existencia do “sexo fluído” (nin home nin muller, nin trans nin nada polo estilo, senón a indefinición como regra), constatei que na literatura e na lingua esa calidade existe (tarde, supoño, mais son de natural lentureiro) e que as linguas son de natural fluídas, que o tránsito que entre elas se dá non deixa de ser enriquecedor e que un pode gozar escribindo e falando en varias delas a un tempo, cunha fluidez nas conversas que acada, na fin, o seu obxectivo central que é o da comunicación.

Son galego de nación, como xa dixen en varias ocasións e fluído de sentimento (por razón de trasterramento pertinaz), por iso se cadra son nacionalista integrador e ao mesmo tempo non nego as influenzas doutras culturas e doutros xeitos de ver o mundo. Vivo nesa confusión permanente, nesa fluidez léxica, nese aprender constante, nesa dúbida renovada. Espero que sexan felices, cadaquén como é ou pensa que é, con argumentos ou sen eles. O demais é conversa.

Xavier Queipo