O cubo de cristais

download pdf

Cando deitamos unha pinga dun líquido enriba dun cubo de cristais, de azucre por exemplo, este comeza a estomballar, de xeito que o resultado adoita ser, antes ou despois, un fluído doce, que contén a esencia do azucre, mais que non é azucre. Hai moitas variábeis no proceso, por descontado, dende o tamaño e a cohesión dos elementos do cubo (o maior ou menor grao de unión entre as partes do material aglomerado), o número e intensidade de pingas que encol do cubo se deiten, así como o material básico desas pingas (incluídas a súa acidez) e a forza coa de impacto na estrutura, ben pola altura (enerxía cinética, momento angular), ben pola dirección e sentido (forzas de laminación, impactos no centro da estrutura ou nas marxes) ou aínda pola forza coa que con impelidas (presión externa). Está tamén o tipo de ambiente onde esta reacción físico química se produce, pois non é o mesmo se esta reacción acontece en atmosfera modificada, no vacuo ou nunha atmosfera estábel.

A cohesión, xa sabemos que rachou hai tempo, logo de sucesivas vagas de elementos individuais ou importantes correntes de opinión que abandonaron o cubo (a formación frentista) por diversas circunstancias que outros analizaron xa con máis coñecemento da dinámica de forzas no interior da estrutura. As pingas serían, pois, lanzadas dende o exterior ben por elementos ou correntes disidentes (o que é politicamente lícito) ou ben por forzas alleas á estrutura (o que no xogo político non é só licito, senón que constitúe a norma de actuación). Seríano con cadencia diferenciada segundo a dinámica dos procesos electorais (locais, estatais, nacionais) que inflúen (quéirase ou non) na dinámica e na cohesión interna, en particular cando se ve que o bloque se dilúe, os resultados vaticinan unha caída a pico nas expectativas electorais e (re)aparecen os conflitos internos, despois de análises tipo monte Medulio (ao menos iso é o que transcende ao exterior da estrutura) indicadores dunha “pureza” inxel. Expresións tipo “ou nós ou o desastre”, soan máis reaccionarias que progresistas, mais de gardiáns do Santo Grial das esencias, que de análise seria da realidade e do que acontece arredor de nós.

O ambiente xoga aquí como en tantos outros procesos, un rol determinante. Vivimos nun mundo que muda á velocidade de vertixe (non hai máis que ver o sinxelo que resultou hai uns días á poboación turca virar a tentativa de golpe de estado, cousa que non tería acontecido sen o emprego dos varios avances tecnolóxicos recentes, ou, nas mesmas datas, a manipulación inmediata do atentado de Niza) con modificacións frecuentes nas fronteiras e alianzas (Erdogan pactando co Estado de Israel, Kerry coordinando en Moscú os ataques sobre Siria, os votantes do Reino Unido pedindo a separación de Europa, os nacionalismos reaccionarios de Hungría, Polonia, Eslovaquia, Austria e outros -aínda minoritarios mais medrando- sumándose á vaga de xenofobia, o Estado español onde a gobernabilidade está pasando polos seus peores momentos…)

Mais non hai que pensar que todo o mau, nin tan sequera o máis determinante, ven do exterior. O peor dun confronto é equivocar o inimigo. Hai no interior da estrutura unha serie de características que a fan vulnerábel, pouco elástica aos cambios no ambiente e, en definitiva, obsoleta. Non me compre a min, que son un elemento externo, analizar porque o terrón é de azucre e non doutro material máis permeábel que o faga máis adaptábel aos cambios no ambiente, menos sensíbel ás disensións internas e tamén menos fráxil as pingas que se verten na súa estrutura.

Pensei nesta metáfora, simple mais gráfica, para ilustrar aínda que sexa dun xeito triste o proceso que está a acontecer co nacionalismo galego e máis en concreto co BNG, que non é senón un sector, aínda que importante, progresivamente menos numeroso do nacionalismo político galeguista.

Coido non ter empregado mal os termos, aínda que nisto haxa moita polémica sobre quen é nacionalista fetén e quen é só un oportunista cunha máscara que agocha o españolismo máis rancio; quen é exclusivamente nacionalista, e iso lle dá un selo de autenticidade aínda que no social e no cultural sexa un reaccionario dos maiores; ou os que pensan aínda que é máis revolucionario expresarse en grafía “integracionista”, pois atacan así o poder local e autonómico. Esa polémica constante, aborrecida como unha ladaíña, sobre a normativa gráfica do galego é unha eiva que debilita á lingua e os seus falantes dende hai décadas. Eiva, como é sabido, que axuda os inimigos da lingua de noso e axuda, por tanto, na mingua do uso público e privado do galego. Isto merece unha análise máis complexa, xa non só ideolóxica senón antropolóxica, sociolóxica e, por suposto, política, mais seguir xogando ese xogo de dúas normativas gráficas non irá máis que en demérito da lingua, dándolle aos que están a prol da súa minorización progresiva o mellor dos argumentos: nin eles mesmos saben cómo se escrebe!

Que gocen do verán, estación magnífica.







Xavier Queipo