Falareilles hoxe dun estudo que hai uns días recibín no meu correo. O estudo titúlase “Inside the mind of the voter/dentro da mente do votante”. O seu obxectivo é analizar os determinantes psicolóxicos que inflúen no voto, como a personalidade dos votantes, a memoria electoral, as e as emocións que as votacións suscitan. Realizado en 25 países europeos durante un período de 5 anos, mestura metodoloxías diversas e anovadoras. Pareceume de interese ler as conclusións, que a seguir lles comento de xeito sucinto, para contribuír así a unha reflexión colectiva.
Velaquí as conclusións:
-
Os votantes divídense en dúas categorías básicas “árbitros” e “seareiros”. Os primeiros adoitan decidir as eleccións pois mudan de opción. Os segundos son aqueles que poderiamos chamar votantes fieis. Hai, pois, ao meu parecer, que traballar máis con ese grupo de “árbitros”, que non se dan decidido por unha ou outra opción. Por iso tamén, unha formación política non se pode permitir erros de comunicación nos últimos días de campaña: son os fundamentais.
-
A gran volatilidade electoral explícase polo feito que entre o 20-30% dos que acoden a votar tenden a mudar o seu voto ou a decidilo na última semana antes da votación, e, entre eles, o 50% toman a decisión no mesmo día da votación. Por iso tamén, ao meu parecer, un non debe acreditar nas enquisas, e menos aínda as que apareceron antes da constitución das candidaturas. As únicas enquisas que poden ter algo de valor son as dos días anteriores aos comicios, e aínda así cunha imprecisión estimativa do 20-30%. As enquisas, enténdase, están concibidas para confundir e manipular aos votantes e non representan senón unha estimación groseira dos resultados.
-
A memoria de “eleccións pasadas”, mesmo que un fose un neno e non puidera votar, e a memoria da primeira elección na que participamos activamente, é un elemento determinante da nosa relación coas eleccións o resto das nosas vidas. Por iso é importante levar aos nenos connosco cando vaiamos votar, para que se acostumen a que non é un encordio senón unha necesidade e, tantas veces, unha responsabilidade. Se logo de votar un vai de festa con eles, mellor aínda, pois reivindica o carácter festivo das votacións.
-
O exercer o dereito a voto leva en xeral a unha sensación de satisfacción. Aínda que, enténdase isto é moi subxectivo e depende tamén dos resultados da formación política.
-
Nos períodos que seguen as eleccións increméntase o nivel de asociacionismo, como unha especie de “lúa de mel” coa democracia.
-
A xente moza que non acude a votar nas dúas ou tres primeiras convocatorias as que son chamados, ten un risco enorme de se converter en abstencionistas crónicos. Por iso, coido en pensar que convén dirixir a campaña tamén a xente moza, con mensaxes claras, sen paternalismos nin maternalismos. Eles teñen que escoitar propostas que falen do que lles preocupa e participar na elaboración do programa das formacións políticas, para que se sintan “propietarios das propostas” e poidan devir "votantes libres". E a xente moza ten que ir votar cos seus amigos, en grupo, e celebralo coma se fose unha festa.
-
Entre a xente moza, aqueles que optan polo voto por correo presentan unha tendencia o 50% maior a votar por candidaturas máis extremistas.
-
Baixar a idade de voto aos 16 anos leva a unha maior participación en xeral e ten como consecuencia unha maior participación xeracional da xente moza. Digo eu que se están en idade laboral e poden contribuír co seu traballo ao benestar xeral, deberían ter ese dereito e responsabilidade.
Até aquí as conclusións cos meus comentarios (o tema dá para varias entregas). Entendo que algunhas destas conclusións semellan obvias e outras, en particular esa sensación de satisfacción no día da votación non se corresponde coa realidade nin da miña experiencia persoal nin da xente á que eu teño acceso, pois dende sempre perdemos as eleccións.
Se cadra pensan que son un soñador, mais non son o único (You may say I’m a dreamer, but I’m not the only one, que dicía Lennon, referente de toda unha xeración). Se cadra o pensan se lles digo tamén que una outra Galiza é posíbel e que a chave desta muda está en acadar o poder político. E para iso non queda outra que votar, pois a abstención (comprensíbel posición como ela é polos moitos motivos que de seguro xa coñecen), é de todas a peor solución cando se quere mudar un goberno, pois favorece aos máis votados (neste caso, non hai que se enganar, aos que levan tempo empoleirados no (des)goberno) e, por outra banda, resta apoios ás opción que pretenden un cambio (todas elas respectábeis).
Pensarán que son un soñador, pois non é con votacións como se conseguen os cambios de sistema (e dareilles a razón toda), mais non é sen votar como se conseguen os cambios de goberno (e pido a razón para min). Quedan moitas cousas no tinteiro, abofé, mais isto é só unha reflexión a partir dun estudo, para que os que pensan actúen.
Xavier Queipo
|