Un mundo imposíbel

download pdf

Se cadra xa escoitaron en varias ocasións que a nosa xeración é aquela que vai deixar os seus descendentes un mundo peor, quer na calidade de vida individual, quer na colectiva. Por falar dun fenómeno recente, os cumios internacionais onde os xefes de estado e de goberno discuten as accións a levar adiante para diminuír a degradación do medio ambiente adoitan ser unha trapela. Grandes declaracións e promesas de fondos dispoñíbeis en millóns ou billóns de dólares circulan coma se alí, nunha tarde de chuvia, estiveran xogando a un gran monopoly arredor dunha mesa. Un xogo, a posta en escena dunha traxedia onde os actores teñen que representar a personaxes de mans ligadas por cordas invisíbeis, que non lles deixan escapar ao seu triste destino. Os cumios internacionais rematan sempre con ideas a medio ou longo prazo, con declaracións de intencións, con medidas paliativas mais nunca resolutivas, senón destinadas a mudar a percepción para que nada ou pouco vaia mudar en verdade. Os cumios para frear (nunca se fala de reverter, de mudar de dirección) o cambio climático ou aqueloutros destinados a atallar a pobreza no mundo (a miseria, diría eu, levan o mesmo camiño a ningures.

Vivimos, xa saben, instaurados na ausencia de horizontes, na supervivencia ameazada. Vivimos nun estado de precariedade abafante, insidioso, terríbel. Dirán que son un pesimista ou algo peor. Terán razón, son algo peor, un inxenuo que se atreve a soñar que outro mundo e outro xeito de vida é posíbel. Cando un di estas frases lapidarias sempre aparece quen pregunta cómo?, cando? Por onde comezar? Case sempre con razón mais co cinismo do que se aproveita da miseria dos outros, do que goza humillando aos diferentes, do que fai bromas en razón da etnia, do sexo ou das características físicas e/ou de comportamento doutros concidadáns.

Eu non fun instruído nas disciplinas da antropoloxía, nin da socioloxía, nin da política, necesarias todas elas -mais que a economía, se cadra- para entender quer as pancas que moven o mundo quer as ecuacións que se poden deducir para modificar o rumbo negativo (de precariedade, de ausencia de ilusións, de corrupción e violencia, de múltiples diásporas). Eu fun instruído na ciencia da bioloxía, mais fun instruído tamén en que a aplicación desas teorías evolutivas ao xénero humano (o chamado darwinismo social) non aporta máis que solucións excluíntes cando non paraísos terríbeis na súa ortodoxia e uniformidade de comportamentos.

Por onde comezar paréceme claro, por revisar o orzamento do país, partida a partida, e abolir privilexios e prebendas a xente que nada fai por merecer o seu salario ou a súa subvención. Rematar coa tolemia dos gastos producidos polas duplicacións (ou triplicacións) administrativas. De que serven as delegacións territoriais, as provinciais? (que raio é unha provincia se non somos nin parte dun Imperio nin parte dun estado centralizado?). Canto reservemos para educación, para cultura, para sanidade ou seguridade alimentaria, canto para benestar social ou acceso á enerxía, constitúen as chaves para poder construír unha sociedade non sei se máis xusta, mais si cando menos que cubra con largueza as necesidades da maioría da poboación. Co pasado non hai que facer conta nova e menos aínda abolir o perdón, esa desviación relixiosa que permite limpar o expediente cun par de xenuflexións e unhas oracións salmodiadas a contraxeito. Son defensor do traballo social, de xeito que vexo os infractores desposuídos das riquezas roubadas, e traballando para a sociedade para pagar as súas débedas.

O cando é agora, pois nada gañamos cunha espera que incrementa as condicións de precariedade da meirande parte da poboación, anticipa a violencia e o desprezo polos demais (os síntomas xa están aí, á nosa volta).

Espero de corazón que estas ideas –xa non novas- non lles asusten nin os poñan na miña contra. Podo estar errado e moito, tanto no diagnóstico como na terapia, mais os síntomas e os signos parécenme claros.

Xavier Queipo