A LITERATURA COMO IMPOSICIÓN

download pdf

Por desprestixiada que estea a verba intelectual, que adxectiva a aqueles que traballan co intelecto, e por moi desprestixiadas que estean as institucións académicas como factorías de títulos en nichos de coñecemento restritivos e restrinxidos (antípoda do universitario ao que todo o que é coñecemento non pode resultar alleo), os intelectuais e os académicos existen, constitúen a vangarda da cultura e ás veces tamén, coas súas dúbidas e incertezas, o maior atranco para a evolución da cultura dun país. Xa sei que identificar vangarda cultural con intelectualidade e esta cun xeito de ver o mundo que ten como alicerce os libros é arriscado e, tamén, probabelmente falso. Se hai unha crise da influencia dos intelectuais na dinámica da nosa sociedade é porque a xente non le, ou, cando menos non ten un abano de lecturas que abonde para a súa formación ética e sentimental. Non chega con ler dunha lista de lecturas recomendadas. Hai que explorar por un mesmo. A vida non é segundo lin un día (a memoria non dá para lembrar onde) unha sucesión de decisións, entre elas a de tomar un camiño de experimentación e procura da individualidade ou a de deixarse levar pola enxurrada do consumo. Son opcións.

Nestes últimos tempos, logo dunha xeira onde non eran infrecuentes as amplas elites instruídas que lían con fruición ensaios e literatura fantástica, poesía e libros de historia, novelas de aventuras e libros de viaxes, tratados científicos e libros de curiosidades, chegamos a unha encrucillada onde quer a ficción quer a poesía, como expresións sobranceiras da creación literaria, se converteron nunha preocupación exclusivamente académica, un divertimento de intelectuais.

A meirande parte dos poucos lectores consumen só certo tipo de literatura (novelas policiais, novelas de amor, novelas de misterio e esoterismo). Vexan as cifras, non é unha percepción. Fálase entón, non sei se con indicadores obxectivos ou simplemente coa percepción nesgada, de “infantilización” da literatura (do que se consume mais tamén daquilo no que máis se inviste). Non só en Galiza, onde a mención desta tendencia fai agromar sarabullos propios da paixón, que derivan en enxurradas histamínicas ou verbais. Non é un fenómeno de noso, senón un fenómeno global. A literatura que se sitúa nas marxes, a que experimenta, a que explora camiños formais e temáticos pouco ou nada transitados, a que, na fin, se pode considerar creación e non exercicio de amanuense repetindo unha fórmula de éxito, esa literatura, enténdase, pasou ser exercicio exclusivo para intelectuais e académicos.

Falei de literatura mais podería ter falado doutras artes como a música e o cinema. Cando se converteron as artes (non a cultura, concepto máis amplo) en fenómenos de consumo (IVE incluído) levaron aparellada unha manipulación dos intelectos e porén unha imposición. Non é que non existan opcións, mais estas están agochadas, abafadas, impedidas, pola máquina de propaganda e a manipulación que rodea o consumo.

E é mágoa ter caído neste abismo onde semella absurdo estudar trigonometría ou xeografía física, memorizar poemas ou entender que as leis da termodinámica e as partículas elementais explican a dinámica dos sistemas e, porén, a vida. Houbo unha xeira de transición e dúbida onde intentaron convencernos de que a cultura da imaxe ía substituír á cultura escrita, que a xente ía consumir produtos culturais audiovisuais e non produtos en soporte analóxico. Pois tampouco, se eliminamos os videoxogos, os partidos de fútbol, os informativos en bucle e as series de éxito (moitas explorando os instintos máis primitivos), o panorama é desolador: parellas de namorados, sentadas unha fronte a outra cos seus teléfonos móbiles, partillando ficheiros ou chuzando ocorrencias en troques de falar, enviándose mensaxes de whatsapp en troques de se agarimar, de darse ao mambo ou pasear á beiramar.

E de paisaxe de fondo as nosas institucións culturais apostando polo continuísmo e a xerontocracia.

Xavier Queipo