Cooperative Cultural Revolution |
|
“Están mudando os tempos/Times are changing”, dicía o retrouso dunha canción de Dylan e “mudan os tempos mudan as vontades”, dicía un outro retrouso chegado da outra banda do Miño. Estabamos na longa recta final do século XX e dende entón os tempos e as vontades non deixarían de mudar a ritmo cada vez máis rápido. Iso, como tantas outras modificacións estruturais quer na nosa sociedade, quer no conxunto do planeta vai da man do desenvolvemento tecnolóxico e de como esa tecnoloxía serve a uns intereses ideolóxicos ou a outros. Unha das mudanzas maiores foi o que se veu en chamar “cultura de converxencia”, onde os medios de comunicación clásicos oriéntanse menos a unha público masivo e procuran un público máis especializado. Hoxe as plataformas como os weblogs ou as redes sociais introduciron, por exemplo, un novo tipo de debate cultural, e aínda político. Nalgúns casos ese tipo de intercambio tende ao minimalismo, tanto pola súa inmediatez (que non permite senón reaccións en quente, mais próximas do instinto que da reflexión) e pola súa limitación en número de caracteres que raramente dá para expresar unha idea máis alá do seu enunciado, sen posibilidade de matices ou sutilezas. Así e todo, e críticas superficiais aparte, ábrense grandes posibilidades nesta, poderiámola chamar, “cultura participativa”. Algunhas das características desa “cultura participativa” son: a) un certo grado de conexión social entre os membros (ou cando menos están interesados en saber o que outros membros desa “comunidade” opinan sobre o que eles producen); b) cada un dos membros está convencido de que as súas contribucións importan (ten a liberdade de contribuír ou non, mais cando o fai é convencido de que a súa contribución importa); c) existe un certo grado de guía/consello por parte daqueles máis veteranos verbo dos acabados de chegar; d) dáse unha diminución das barreiras para a creatividade e e) o que é máis importante e por iso vai ao final para que fique na memoria, hai vontade de crear de xeito participativo. Os meus primeiros contactos –tímidos- coa cultura participativa foron resultado de empeño alleo, e aínda que constitúen unha actividade espallada no tempo, coido que eses modos colaborativos chegaron para ficar, ou mellor dito, para evoluir, pois poucas cousas no mundo, e menos aínda no mundo cultural que é anovador por vocación, chegan para ficar. Nese impo colaborador, de partillar e aportar teñen moito que ver non só as vivencias senón tamén as influenzas recibidas. Agora penso noutras coordenadas persoais e tendo máis a esa converxencia (taxia, instinto de procura), onde a música ou a performance dramática non están excluídas. Dou testemuña destas derivas existenciais pois elas están inseridas nun proxecto persoal, certo, mais tamén colectivo. Deixei de ollar para o embigo propio e gustaríame que esta “tendencia” se espallara, de xeito que puideramos vivir non son unha suma de revolucións culturais individuais senón tamén unha revolución cultural colectiva que ten que pasar, ao meu parecer, por unha converxencia artística, por unha negación do enxebrismo e da tendencia centrípeta (na que moitas expresións artísticas están atoadas na bouza) a unha deriva centrífuga. Temos que expandir as nosas fronteiras, que darlle un novo alento ao noso xeito de nos expresar e, para iso, sería interesante explorar colaboracións que transcenderan as fronteiras autoimpostas da tradición (á que non nego o seu carácter esclarecedor), da lingua (á que non nego o seu rol principal) e do individualismo (ao que non nego papel de iniciador no proceso) para xuntar vontades e enerxías nunha revolución cultural que nos afaste do marasmo intelectual no que malmorremos. Repensar esa pexa tripla: a tradición (referencia única), o individualismo (territorio exclusivo) e a lingua (marca de clase inclusiva e limitadora) son tarefas que unidas ao carácter anovador da tecnoloxía farán de nós unha cultura viva. Ou non.
Xavier Queipo
|
|