Ensarillado

download pdf

Hai uns días, revisando na biblioteca da casa de Lavadores, atopei o “Cantigueiro popular” de Marcial Valladares, a quen o Concello da Estrada agasallou en 1970 con este libro editado pola Real Academia Gallega (así consta o nome e así o reproduzo, como tamén consta na capa “A Cruña”, cousa que hoxe non admitirían os académicos).

O libro lino no verán de 1976, na casa matriz de Porta dos Mariños, que foi refuxio das miñas soidades e lugar onde fun arquitectando a miña conciencia de ser. Alí, se cadra tamén no mesmo ano, lin a Gramática Galega de Marcial Valladares, que foi, xunto con varios outros manuais e as lecturas de Fole, Cunqueiro e Rosalía, a que constituíu a base do meu coñecemento da lingua. Con semellante arsenal heteróclito, espero que disimulen se o meu galego non resulta alá moi canónico. As notas biobliográficas do “Cantigueiro” corresponden a Carballo Calero (que é como el escribía o seu nome naquel tempo) e máis en particular son un extracto da Historia da Literatura Galega e contemporánea, editada por Galaxia en 1963).

No tempo en que lin o libro de Valladares, adoitaba eu como parte do meu traballo de compilación recortar dos xornais algún artigo do meu interese. Foi así que nas páxinas do “Cantigueirro Popular”, atopei un recorte do 22 de xuño de 1975 dun artigo de Manuel González Garcés en “Los Domingos de La Voz” titulado “La Noche de San Juan”, onde repasa en castelán as tradicións máis enraizadas (aínda hoxe) da versión galega do midsummer night.

Até aí nada excepcional se non fóra porque no reverso do recorte aparecía en dúas columnas e baixo o epígrafe “A ledicia de ler” un artigo de Carlos Casares sobre Ricardo Carballo Calero e a súa Historia da literatura galega contemporánea na súa edición de 1975. No artigo, Casares fai fincapé no carácter monumental da obra de Carvalho (permítanme que o escriba na grafía na que el quixera verse referido), indicando a súa incursión nos “espesos matos da crítica literaria”, e aínda o seu estudo “adoptando a metodoloxía de tipo estrutural” para iluminar mellor determinadas facetas dalgunha obra como “Os vellos non deben de namorarse”. Non se arreda aí Casares, do que reproduzo un parágrafo enteiro para mellor ilustrar a onde quero chegar: “O esforzo de Carballo Calero foi inmenso, e os seus froitos recolleranos os estudiosos galegos de hoxe e de mañá. Pra levalo a porto, o catedrático da Universidade compostelá non sóio puxo a proba o temple do seu saber senón que houbo de renunciar temporalmente á súa obra personal de creación literaria. Pra eso compría tamén ser xeneroso. El foino en abundancia. Que Deus llo pague.”

É probábel que Carvalho Calero teña sombras (quen non as teña que tire pois a primeira pedra!), mais entre as luces están as que sinala Carlos Casares cando fala do seu saber, da súa obra monumental, da súa metodoloxía de traballo (compilación de textos, verificación de dados, clasificación, análise, esclarecemento, valoración…) e da súa xenerosidade.

Dos tres escritores que nomeei no ensarillado: Carvalho, Casares e Valladares, os dous últimos tiveron xa o seu Día das Letras Galegas, mentres que Carvalho, comentador de Valladares e comentado en ton laudatorio por Casares, leva anos ás portas de ser considerado para tal honra. Neste xeira, e sen ser ruín insinuando que algún dos homenaxeados fora desmerecente de tal honra, houbo múltiples voces que se pronunciaron na defensa da candidatura de Carvalho, que, como ben saberán, foi membro da mesma Academia que hoxe olla para el con desprezo cainita. Nunca semella o momento axeitado, sempre hai algunha escusa, e, sempre tamén, se adía a decisión para as calendas dun ano por chegar.

Carvalho resulta incómodo pola súa grafía reintegrada. Por iso mesmo, para lanzar dunha vez un debate serio e non mediatizado (quen fai máis ruído? quen ten máis poder?), é necesario dedicarlle o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, relanzo preciso para traballar por unha Pax lingüística que o galego ben merece.



Xavier Queipo