Ideas sobre os lumes

download pdf

Quero crer que nin a xente que co medo prendido tras dos ollos fuxían do lume espaventados, nin aqueles que perderon familiares ou facendas, nin aqueloutros que loitaron como bravos en actos solidarios que ennobrecen a estirpe, van esquecer o que viviron e sufriron nestes días, nin en As Neves nin en ningún outro concello desta Galiza masacrada polo lume. Quero crer tamén que aqueles que teñen responsabilidades de goberno e de acción no interese público, non deixarán pasar esta oportunidade para sentar nunha mesa á sociedade civil, procurando como atallar este problema complexo que nos afecta a todos. Absolutamente a todos e por iso non o podemos deixar en mans de políticos incultos (“eu non sabía que os eucaliptos ardían máis que outras árbores”) ou de técnicos que só procuran o máximo rendemento económico sen importar outras consideracións (que é o que lles mandan os seus amos), ou os ignorantes que agochan a testa de bois domados e pensan só no beneficio a curto prazo.

O problema non é que teñamos unha inflación de pirómanos por quilómetro cadrado superior ao resto do mundo, nin que teñamos o bosque sen limpar (Quen limpa “tipo xardín” a Amazonía, quen limpa as selvas de Borneo, do Congo ou do Orinoco?).

O problema ten moitas variábeis e vectores, onde o cambio de paradigma do que outrora fora a integración do monte na actividade agrícola, a despoboación do rural e a pirámide demográfica invertida, o monocultivo do eucalipto (especie pirófita por excelencia), a propiedade da terra e do monte en particular (ese minifundio que outrora fora símbolo da miseria e hoxe é símbolo da imposibilidade da planificación forestal), a política de subvencións ambigua, a sospeita –nunca probada, mais recorrente- de que detrás dos incendios están especuladores de todo tipo, en particular os que poden conseguir beneficios (seguir a senda dos cartos, que diría un investigador privado).

O problema non é ningún deses en particular e o son todos eles en conxunto. Por iso se queremos procurar unha solución duradeira no tempo, pois o cambio climático vai axudar a que se dean as mesmas condicións que se produciron este outono, o famoso 30:30:30 que escoitamos nos telexornais (máis de 30 grados de temperatura, menos 30% de humidade, máis de 30 quilómetros/hora na velocidade do vento) e daquela teremos que tomar decisións nin todas elas populares/populistas, e termos que tomalas xa.

A miña idea é que sería bo crear un grupo de reflexión no que estiveran representados non só os políticos (os parlamentarios, por ser estes os que nós eliximos e, enténdase, ao feito peito) e os técnicos (posuidores de coñecementos teóricos), senón tamén os cidadáns. Todos eles tamén nesa proporción 30:30:30 (30 parlamentarios, 30 técnicos, 30 cidadáns de a pé). Todos eles escollidos do xeito máis aleatorio posíbel, é dicir, por sorteo (sorteo no Parlamento, sorteo nos colexios profesionais e nas universidades, sorteo entre os cidadáns que se queiran presentar como candidatos). Todos eles cun tempo límite (seis meses) e cun traballo pago para presentar propostas ao Parlamento galego. Esas propostas deberían ser debatidas e aprobadas no Parlamento Galego por maioría cualificada (os 3/4 no mínimo, para evitar que unha maioría simple decida por todos nós). Unha vez aprobadas serán de obrigatorio cumprimento para o goberno da Xunta, nun período tamén curto de non máis de seis meses, para que dea tempo a que estean no orzamento, que é onde, abofé, se deseña con claridade a política dun goberno.

Os lumes deste outono, o desleixo de tantos anos sen querer ollar de fronte aos problemas deixando que podrezan, a improvisación temeraria, a inacción subseguinte, fixeron acordar en min a certeza de que vivimos a tiranía da realidade. Fixeron tamén que lembrara unha máxima do filósofo Todorov: “o esquecemento é unha forma triste de barbarie”. Non esquecer e actuar de xeito coordinado e unitario, como un todo, como unha tribo organizada e resolta a vivir nun mundo mellor e sostíbel. Non hai outra.

Xavier Queipo