Os nosos

download pdf

Unha ollada rápida a miña árbore xenealóxica sitúame no nivel dos avós con tres cartas partes de galego e unha de rioxano. Non sei o que dirá a xenética máis fonda, mais poida que esculcando aparezan xenes chegados doutras latitudes e, porque non, doutras prácticas relixiosas. A póla máis comerciante da familia procede da ribeira do río Avia e non poucas veces me confundiron cun hebreo ou cun Gálata de Anatolia. Nos comportamentos xa nin falar. Ne Guerra Civil, que foi tempo de cadaquén amosar as súas cartas ideolóxicas -ou agochalas adoitando as posicións contrarias cando as circunstancias viñeron mal dadas- houbo variada expresión ideolóxica e práctica política. Emparentado con xenerais republicanos e nacionais, cun bisavó da Garda Civil monárquica, con tíos avós fuxidos ás Américas para non facer o servizo militar en África, sobriño de señoritos falanxistas, neto de mestre republicano desposuído polo franquismo, sobriño neto dun fuxido no monte, emparentado con nacionalistas de primeira hora, con fuxidos a Francia que tomaron o barco en Burdeos, con carne de canón e con curas pouco santos, non é pouca a confusión que na familia houbo e aínda hai. Os que sufriron non perdoaron nunca os que infrinxiron o mal, mais estes fican agora baixo terra. Vai sendo tempo de pasar páxina ou mellor varias páxinas dunha vez soa.

Este Día da Patria agasalláronme co libro “Os nomes do terror” (Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron). Lendo nas súas páxinas, sentín a historia da familia, dos bandos confrontados. Sentín que aqueles verdugos e aquelas vítimas eran dos meus. Non viñeran de fóra para conquistar o territorio, senón que eran xente con apelidos tan nosos como Alén, Dopazo, Figueroa, Filgueira, Freire, Muíños, Muruais, Pereira, Piñeiro, Portela, Ruibal, Segade, Sueiro, Veiga…ou tan comúns ente nós tamén como Álvarez, Fernández, García, Rodríguez, Vázquez. Non foron pois os españois fascistas contra nós os galegos revolucionarios. Non. Non foi así. Foi moito mais tráxico e insidioso. Fomos nós contra nós e nin sempre os ricos contra os pobres, pois non hai mais que ver as fotos da época para se decatar cal era a procedencia social dos fuxidos ou dos milicianos, dos membros das “Guardias Cívicas” e das guerrilla no monte. Por non falar da resistencia interior ao Réxime franquista, dos instaurados no Mar do Plata, en México ou en Cuba e do rol que cada un deles xogou na persistencia do sistema.

Eu non perdoei aos verdugos. Non podería pois fixeron moito dano dentro e fóra da familia e dentro e fóra de Galiza, exportando o terror e a violencia. Nesa mesma vaga de pensamento, sei que os meus curmáns e os seus descendentes, os amigos deles e os seus namorados, os netos dos que foran torturadores ou asasinos, nada teñen que pagar polos actos ruíns dos seus antepasados (que son os meus). Se de algo son responsábeis é dos seus propios actos, non dos actos cometidos por xeracións pasadas.

A min parécenme ben as homenaxes as vítimas e a listaxe dos vitimarios, a apertura dos arquivos e a exhumación dos restos mortais para que os familiares descansen en paz. Ese exercicio de memoria é necesario para reconstruír a nosa propia historia, aquela da que debemos de aprender para evitar caer nos mesmos erros do pasado.

Ese exercicio de memoria debe ser ao mesmo tempo un exercicio de reflexión, de análise, de pescuda para entender cales son os mecanismos/as circunstancias/os vectores sociais que permitiron semellante asalto a razón. Dese xeito e cunha análise diacrónica da deriva desas características poderemos entender mellor o que é e o que pode ser o nacionalismo galego. Eu enténdoo como forza de progreso e integración e non doutro xeito, ou sexa, non como un porvir sectario ou tribal. Se cadra darémonos de conta así que existen forzas e vontades aliadas na construción nacional e que esta non pode ser patrimonio dunha forza política única. O mundo é ben máis complexo que as consignas que se escriben nunha camisola!

Xavier Queipo