Relato de Asha

download pdf

Non vou contar nada que non saiban ou que non intúan, mais este é un relato de primeira man e non me gustaría deixar pasar a oportunidade sen o partillar. Onte re-coñecín a un poeta e cantautor iraniano que chamarei Asha. Presentáranos meses antes nun acto cultural do Colectivo de Poetas de Bruxelas, ao que pertenzo dende a súa fundación en 2007. Daquela non tiveramos oportunidade de falar, mais esta vez ceamos con outros dous poetas, o galego Ramón Neto, que tamén reside en Bruxelas e a poeta turca Kader Sevinç. Cando rematamos de cear, Asha contounos cousas terríbeis do goberno do seu país e da súa epopea para chegar nunha balsa dende Turquía até as costas dunha illa grega.

No seu país el pasara tres meses na cadea por mor de ter cantado unha cantiga da súa autoría na que insinuaba que o réxime estaba errado na súa represión das liberdades. Condenárono a vexetar nunha cela de metro e medio de lado, onde, por descontado non podía durmir estricado, pois mide máis dun metro oitenta e nin a diagonal dá para se deitar. Falando dos centos de miles de afgáns que se refuxiaron en Irán fuxindo da guerra no seu país e da persecución dos talibáns, relatou como as autoridades iranianas actúan con eles. Ofrécenlles a posibilidade de ter papeis e vivir no país en troques de que eles vaian loitar a Siria, na defensa do réxime de El-Asad, aos que o Irán xiíta apoia na guerra civil contra os sunís (divididos en varios grupos, máis ou menos radicalizados e máis ou menos separados por mor da súa fe). Se os inmigrantes afgáns aceden ao trato, pasan seis meses a loitar e se no acaso regresaren con vida, daquela obteñen os papeis para residir en Irán. A chantaxe continúa e por outros seis meses poden conseguir tamén os papeis de residencia para a súa familia ou un emprego. Contou tamén que os cristiáns poden practicar a súa fe mais non facer proselitismo, que está penado coa morte así como o feito de un musulmán mudar o seu credo polo cristián, que é considerada unha traizón das peores e, porén, motivo de sacrificio público sen xuízo e sen posibilidade de defensa.

Despois pasou a contar a súa epopea para acadar as costas gregas con outros tres compañeiros de fuxida e como ían apartando os corpos que aboiaban no mar coa axuda das pás da embarcación. Viaxaban nunha balsa sen motor e pasaron varios días bogando pola noite e ficando á valga polo día, pois navegaban moi próximos da costa. Contan tamén que na súa travesía deron con outras embarcacións cheas de xente que lles pedía axuda, mais desistiron de se achegar co medo de que deran cabo deles e lles roubaran o bote, que era o único que tiñan. Puro instinto de supervivencia cando o que está en xogo é a propia vida. Perderan o compás e navegaban á cegas, ou sexa que en troques de chegar a Lesbos, onde as condicións de acollida eran mellores, chegaron a outra illa do Exeo, cuxo nome non me soubo dicir. Non os recibiron ben e conta que obtiveron só un visado para trinta días. O seu obxectivo era Lesbos, pois alí os visados concedíanos (unha dádiva, non un dereito) para un período dun ano o que dá una seguridade maior ós que chegan sen nada e fuxindo de todo. Foxen de todo, si, da guerra e do totalitarismo, da relixión entendida como fío condutor dunha sociedade e da represión das liberdades máis básicas (a de opinión entre elas). Foxen de si mesmos, da súa contorna e as súas relacións, do seu pasado e do seu futuro, que xa nunca será na terra de orixe.

Contou tamén como algúns cidadáns aproveitan a miseria dos que se achegan ás súas costas, trocando os motores fóra de borda (cando os hai) por unhas cestas con froita para os que chegan famentos, gañando no troco o cento por un. Contou como os recibiran a tiros na fronteira da Hungría e outras marabillas dunha Europa aferrollada polo medo ao diferente.

Toda migración é violenta, mais algunhas son peores aínda, pois baixan aos que as acometen á categoría de seres sen dereitos, albo de inxustizas profundas e horrores os peores.

Xavier Queipo