Toda migración é violenta

download pdf


Toda migración é violenta, toda ela resultado dun rexeitamento inxusto pola tribo de nación, que non é quen de garantir acubillo e mantenza no lar de orixe. Non se enganen, ninguén emigra por gusto. Por pracer un pode viaxar, pensando sempre no regreso. Non, un emigra sempre por necesidade, resultado dun acto violento (a negación de traballo, a discriminación política ou cultural, relixiosa ou simplemente étnica ou diferencialista).

Cando un emigra, levado por la carencia económica, polo afán de descubrir mundos novos onde o propio non resulta de xeito (pola razón que sexa), ou pola necesidade de fuxir dun ambiente que oprime ou persegue, pois son estas as tres razóns que eu considero únicas para emprender unha migración, un non sabe moi ben o que lle espera do outro lado das fronteiras. Si hai fronteiras e estas adquiren múltiples e variadas expresións, máis alá da reixa ou as torres de vixilancia.

Hai unas décadas creouse por decreto unha miraxe no interior de Europa, que se expandiu polo mundo occidental coa redución das necesidades de visados para cruzar fronteiras. Creouse así unha sensación de continuidade, de fronteiras lábiles que actuaban a xeito de membranas semipermeábeis.

Hai así e todo unha circunstancia que botou por terra ese equilibrio case idílico de ausencia de fronteiras interiores que era o espazo Schengen. Ese algo son as migracións seculares, en ondadas que van deixando no seu camiño mortos incontábeis, afogados os máis nese mar Mediterráneo, outrora fundador dos mitos de Occidente, fonte de cultura e logo despois espazo de loita tenaz entre dúas maneiras de ver o mundo, entre dúas concepcións monoteístas e invasoras, negadoras da diferenza e, por tanto, freo para o desenvolvemento da Humanidade (lémbrese aquí o confronto insidioso entre a dinastía dos Habsburgo, bastión do cristianismo -The Cristhemdom, Dar-el-Hazbat- e os sultáns otománs, gardiáns do Islam –Dar-el-Islam- tras a Divina Porta).

Non hai épica, enténdase, nas vagas de emigrantes que hoxe chegan a Europa nin nas vagas dos que de aquí saíran na procura doutros mundos. Moitos, certo, acharon nos países de acollida lugar para a iniciativa e o desenvolvemento persoal, para a inserción social e mesmo para o liderado. Mais a meirande parte dos fuxidos (dos rexeitados, dos impelidos ao abandono do nicho) non tiveron nin para regresar ao país de orixe e morreron, empobrecidos e tristes, a unha distancia da que un non pode regresar, que é a da exclusión social e a miseria ética.

Cando un emigra existen vectores que turran do intelecto en sensos opostos. A nostalxia (entendida tamén como saudade) actúa como forza centrípeta e puxa por nós cara ao núcleo do que vimos guiados pola morriña, esa idealización dun tempo e dun nicho ecolóxico mellor, que deixamos polas razóns antes mencionadas, case sempre traumáticas. Logo está a curiosidade exploratoria pola entrada nese mundo novo, que estrañamos mais que, ao tempo, turra de nós para ampliar os nosos horizontes intelectuais e, na fin, ten como resultado paradoxal a negación dos sentimentos de pertenza á nosa sociedade de orixe.

A entrada nese “novo mundo”, nesa sociedade distinta, leva aparellado case sempre unha serie de cambios de paradigma (lingüístico, de comportamento) que trastorna os sentidos corporais e a percepción da realidade, de xeito que se adoita experimentar un “estrañamento social” e ás veces aínda, nos casos extremos, un “estrañamento do eu” que xustificaría nalgunhas ocasións unha entrada na marxinalidade (linyeras, sans abri, homeless, vagabundos, chámenos como prefiran) o unha caída nas redes de explotación laboral (non poucas veces a mans de individuos da propia etnia ou orixe do emigrado).

Toda emigración é violenta, non se enganen e non só a que se produce pola violencia dunha guerra. Esta sería una aproximación clásica ao conflito, próxima no tempo, mais xa nin sempre paradigmática. Outro día continuarei falando do tema, entrementres é tempo para a reflexión


Xavier Queipo