Un ano de cambios?

download pdf

No eido cultural Galiza caracterízase pola súa fragmentación progresiva e tribal que, de non remedialo nos anos a seguir, levará a desintegración como cultura propia e recoñecíbel, agás certos elementos do folclore. E iso acontecerá malia todas as resistencias amalgamadas arredor dos diferentes “Medulios” que se espallan pola nosa xeografía física e imaxinaria.

Nesta situación de emerxencia, mantendo porén a resistencia pertinaz, compre complementala cunha acción integradora e resolta que nos devolva a conciencia e o orgullo de ter unha cultura propia. Despois poderán entrar no xogo outros niveis de complexidade: se somos unha nación homoxénea ou un conxunto de tribos, se somos un estado en nós mesmos ou ese é o noso maior inimigo. Significantes que sexan estas cuestións, non son das que se podan resolver nin no inicio do proceso nin dun xeito pacífico. Iso –a resolución que nos devolva o orgullo- é un primeiro chanzo, ou se queremos fuxir dunha maldita vez da malfadada escaleira, un paso para, cando menos, mover o corpo e saír deste impasse terríbel e temíbel no que nos atopamos como país e como cultura. O paso pode, co tempo, resultar errado ou non, quer apropiado na dirección ou quer no senso da marcha.

A marcha, enténdase, non ten porque ser rectilínea, ascendente e cun obxectivo inmutábel marcado a lume e ferro. Iso fai acrecentar os conflitos e non dá para os resolver. Sempre que se dá un paso iníciase unha exploración (lembren aquí a imaxe dos primeiros pasos de quen aínda non é bípede), avísase de que quen o dá está vivo e ten vontade de acción (de exploración, de tránsito, de futuro). Precísase un cambio que permita ao tempo un desenvolvemento en liberdade e unha aposta pola renovación técnica (e tecnolóxica) do discurso galeguista e por unha integración doutras capas de poboación agora excluídas do contrato social (no eido cultural). Na fin (léase ou non 1984 de Orwell) as clases sociais son (foron e temo que serán) sempre tres (con alianzas diversas entre elas e coas subdivisións e matices que lles queiramos procurar) e cada unha delas con cadansúas referencias culturais, pois a cultura é un fenómeno de clase.

Nesta encrucillada na que ficamos estáticos, a inacción e o continuísmo (laios recorrentes, visións nesgadas, clans, tribos e outros sectarismos varios) son o peor que pode acontecer. Por iso cando o Presidente da Academia acabado de escoller polos seus, falaba de continuísmo sentín coma se me envorcaran un balde de auga xeada polo espiñazo e as costas. Sei que se cadra esta é unha miraxe ou –un non está libre de errar- unha visión nesgada da realidade e el, home que ama o diálogo, dixo esa frase para non asustar os poderosos (os que deciden o orzamento), mais eu prefiro errar por exceso que pode defecto, non vaia ser que sexa verdade e teñamos catro anos máis de loitas internas e espectáculo dos peores.

Este ano toca tamén –ano de cambios- a renovación da Presidencia do Consello da Cultura Galega (así todo en maiúsculas para que fique á altura) e as apostas van todas na dirección do mesmo clan, ou sexa do clan dos acomodados e dos tímidos. Quixera pois que quen saia elixido para este posto (por quen?) non aposte polo continuísmo, receita esta de todos os nosos males.

Unha cultura non pode vivir aferrollada sempre baixo o mesmo escudo inmutábel. Até as nécoras que camiñan de lado e nunca ollando cara adiante, que viven nas físgoas das rochas e comen a dúas mans, intúen que, na ocasión, é necesario mudar o cacho. Estanos chegando o tempo de mudar de cacho ou malmorrer atafegados polo escudo que non nos deixa arfar. Chegounos o tempo de expandir o corpo, de mudar sen deixar de ser nós. Nese empeño as células divídense e producen estirpes diferenciadas, as nécoras mudan o cacho e as crisálidas fan agromar bolboretas. E nós, que facemos nós co mesmo escudo de sempre, coa resignación na dor e a negativa afouta a mudar de cacho (para manter así as esencias).

Un ano de cambios?

Xavier Queipo