A cuestión turca |
|
Pareceralles se cadra unha excentricidade que eu fale do estranxeiro habendo tantos e tan grandes problemas no noso país e no noso estado. Éo, sen dúbida, mais non teño eu día para falar do embigo do mundo, se cadra porque a situación que se vive no noso país dá só para boleros tristes. É ben sabido que o que acontece noutros lugares do mundo aféctanos cada día máis. Grandezas e miserias da globalización e do equilibrio de forzas nun mundo multipolar e intra conectado. Hai uns días houbo unha cimeira de países do Mar Negro organizada pola presidencia rotatoria do Consello de Ministros da Unión Europea, que este semestre lle corresponde a Bulgaria. Ao convidar ao Presidente turco Erdogan querían os búlgaros lanzar un sinal aos seus veciños, pois existe unha importante minoría turca en Bulgaria e unhas cantas feridas sen pechar dende a última guerra. Nesa xuntanza, os únicos acordos foron os desacordos (acordos negativos na fin), ou como se di en inglés (we agree that we disagree / acordamos que non concordamos. Non é a primeira vez que isto acontece e logo de altos e baixos nas relacións bilaterais, semella que estamos no punto de partida, como nun deses xogos de mesa cando un vai "de oca en oca" e por fas ou por nefas non dá chegado a destino pois cae no pozo ou fica unhas cantas voltas no cárcere. Parecería que o goberno de Ankara, obsesionado como está na re-islamización do país e na masacre dos kurdos, estase convertendo nun problema para Unión Europea mais que nun aliado (aínda que sexa aliado na OTAN e teña trato de favor nos negocios). A situación complícase coa guerra de Siria e coas acusacións de Erdogan de que Europa acolle no seu seo a comunidades kurdas (ou como el as denomina terroristas anti-turcos). Mais o líder turco tense que medir cando ataca a Europa que recibe o 50% das exportacións turcas e que é o primeiro inversor estranxeiro no país da Divina Porta (con 2/3 das inversións). Hoxe a economía turca non se entende sen a súa relación privilexiada con Europa e podería implosionar se a Unión Europea corta as súas inversións. Dise que ese é o punto feble de Erdogan, o que fai que non rache coa Unión Europea dunha vez. Pode ser, e se cadra foi esa a razón de que malia as frías relacións do presente Erdogan nun intento de gañar tempo mentres se vai xuntando devagar con Rusia, insistiu antes da cimeira: A entrada na Unión Europea sigue sendo o noso obxectivo estratéxico. Ten bos asesores, sen dúbida, non como o noso xefe de Estado, que se alía co sector máis canalla da política (xa saben de que falo). Esta análise é teórica, enténdase, pois a lóxica do capitalismo non sabe de dereitos humanos nin de ditaduras (onde os negocios duns poucos adoitan ser privilexiados), non está ao día de pequenas mensaxes de propaganda nin quere saber nada de desequilibrios, só de negocios. A radicalización do líder turco e daqueles que o veneran está convertendo Turquía nun inferno de represión despois do fracasado intento de golpe de estado (ou xeitoso auto-golpe, segundo a versión que un manexe dos feitos). Algúns dos meus amigos turcos cos que partillaba discusións e coñecementos nos grupos de traballo científicos das pesqueiras do Mar Negro desapareceron e nunca máis acudiron ás xuntanzas; outros amigos poetas viron restrinxidos os seus movementos ao estranxeiro e unha das miñas amigas de Bruxelas, sendo socialdemócrata (o que indica un grao de perigo mínimo para calquera sistema democrático occidental), veu como os seus pais foron ameazados (polo simple feito de ser os país dunha disidente). A ninguén lle interesa unha Turquía reaccionaria que podería infestar as comunidades turcas que viven e Europa, como tampouco interesa esa deriva reaccionaria en Hungría, Polonia, A República Checa ou España. Se cadra por iso, en troques de ollar con exclusividade para o embigo, compre comezar a se interesar polos problemas doutras países, por entender os equilibrios de forzas, por construír un territorio de liberdade. Xavier Queipo
|
|