A democracia era iso, complexidade e corrupción

download pdf

Nunha das súas intervencións gráficas, Xaquín Marín, un influencer de mensaxe certeiro presenta a dous homes de idade avanzada. Un deles di: “son independente”, e o outro retrúcalle: “entón queme dis de Madrid, da UE, do IBEX 35, do FMI, da OTAN...” Grande Xaquín. Non é que descubra continentes, senón que acadaou a arte da síntese, que consiste en presentar de xeito nítido o que está aí, o que é evidente para a maioría que non se detén a pensar, ou para os que persisten nas mensaxes baleiras, no enroque quimérico, nos mundos paralelos.

Nós, como galegos, tiñamos un país ou a quimera dun país e xa non o temos, xa ninguén acredita de certo na idea da nación como estrutura política independente dos poderes omnimodos do capital ou como estrutura social diferenciada. É a realidade, o froito natural da árbore mil veces inxertada e inzada de fungos e sarabullos, de cancros e tecidos aberrantes. A idea da nación con autonomía económica e solvencia financieira, con goberno propio e estruturas políticas que permitan tomar decisións autónomas sen contar cos mercados financieiros, sen ter en consideración a tutela económica do FMI, sen estar supeditada pola pertenza a Unión Europea (que condiciona co seu acervo xurídico as nosas vidas, queirámolo ver ou non), sen estar vixiada pola NATO... esa idea pode existir como tal,.. mais non deixa de ser unha meta inalcanzábel mentres esteamos inseridos no sistema de valores, na rede de influenzas, no entramado que ensarilla a economía produtiva de todos os países do mundo. O independentismo convértese así nunha fabulación, nun mundo paralelo fóra do mundo real. Un pódese dar moreas de golpes de peito, batendo cos puños cal gorila na brétema, predicando unha arcadia pluscuamperfecta, unha independencia entendida como o coallar das ideas de liberdade, igualdade e fraternidade, mais iso non deixa de ser unha teatralización dunha arela romántica.

A democracia parlamentaria e a deriva do mundo globalizado non permiten a independencia real dunha nación ou dun estado. As alternativas, a xeito de democracia participativa pódense ensaiar pois contribúen a amaciar as conciencias revolucionarias, a xerar a sensación de que só se pode avanzar no camiño da non dependencia (que en definita é o camiño da independencia como meta e destino final).

A complexidade das institucións democráticas responde á lóxica de afastar a toma de decisións polos cidadáns. Conséguese dándolle a unha elite a representatividade, dotando a esas institucións dunha chea de prodecementos administrativos de complexidade crecente onde os representantes electos deixan de manexar os fíos do poder, que están nas mans dos mandaríns que coñecen as reviravoltas orzamentarias, os dédalos procedurais, os equilibrios entre poderes, que entenden á marabilla “quen” e “que” manda en cada momento. Axítanse así bandeiras e consignas en diferentes momentos do proceso, mais o poder está sempre nas mesmas mans, nin tan sequera físicas. Interesa pór no goberno a Trump ou a Bolsonaro, interesa que Ángela Merkel anuncie –agora- o seu retiro, interesa que o Reino Unido debilite a Europa, que os países de centroeuropa radicalicen as súas posicións xenófobas...

Non hai unha conspiración, non falo diso, senón da propia dinámica do sistema capitalista –a democracia formal non se entende fóra do sistema capitalista- que tende á complexidade, que deriva cara á anarquía financieira que vai favorecer aos oportunistas, que xa está levando a criación de exclusións masivas (co resultado de migracións desesperadas, de guerras polos recursos, de uniformización cultural, de miseria ética e carencias físicas). É a corrupción xeralizada, o caos secuencial que avanza errático, a putrefacción dun sistema que non produce senón desequilibrios e psicoses colectivas.

Apocalíptico. Non, expectante e sentíndome libre de consignas e de seguir ao bandeirante. Unha nova orde xurdirá do magma da desorde. Haberá que lle dar un repuxón.

Xavier Queipo