Ilustran as viaxes?

download pdf

Hai días lin no xornal El Pais, que representa algo así como o pensamento único de grande parte da intelectualidade, que un escritor falaba da inutilidade instrutiva das viaxes, argüíndo que non é posíbel atopar lugares ignotos. Continuaba escribindo que o turismo masivo leva aparellada a imposibilidade de aprender cando se viaxa. O autor parte de premisas falsas, aínda que algunhas das reflexións sexan interesantes.

Coido que está errado cando di: Hoy ya es difícil que los viajes ilustren, cualquier región de la Tierra está cuadriculada para el turista, el flujo de gente que viaja está controlado, gestionado y domesticado por la gran industria del turismo que provee sitios históricos, monumentos, edificios emblemáticos, restaurantes, todo rumiado y digerido en una guía, en un blog, en una app.

É verdade que a terra está toda ela cartografada e as imaxes dela accesíbeis por aplicacións que participan da tecnoloxía vía satélite, mais esa non é a cuestión. Se un vai viaxar, poño por caso, ás illas Açores o feito de que isto sexa ou non instrutivo depende da actitude do viaxeiro. Un pode mercar antes de comezar a viaxe, por exemplo, unha historia das illas dos Açores, para coñecer así os vaivéns no seu goberno, a xeira histórica en que Portugal se veu reducido como país á ese único arquipélago, ou entender as alianzas cos holandeses para derrotar á Armada dos Habsburgo. Pode ler tamén magníficos libros que falen da vida nas illas e de anacos da súa historia, como é o caso de Mulher de Porto Pim (Antonio Tabucchi, 2003), Mao tempo no canal (Vitorino Nemésio, 1944) ou El mal de Montano (Enrique Vila-Matas, 2002), tres libros que veñen á memoria. Se por azar un ten afeccións botánicas pode ler a Flora Azoriae ou visitar os arredores da Lagoa das Sete cidades e no medio da laurisilva observar (e tocar) fentos da Era Terciaria, ou percorrer as illas para se dar de conta que a cor das hortensias que bordean as estradas varía en cada unha delas. Se o que lle gusta é a navegación a vela, sería interesante ver o muro do Porto de Horta, que ben que sae referido en moitas revistas muda de mensaxes e deseños constantemente e, daquela sempre é novo. Pode, se así o considera, ler un dos clásicos da navegación en solitario, como é “A bordo del Spray”, de Joshua Slocum, que tamén pasou por Horta. Se o pasatempo (ou a profesión) do viaxeiro é a xeoloxía, daquela a vista ás lagoas volcánicas ou as fumarolas da Illa de São Miguel ben poderían ser unha experiencia moi instrutiva. Se ao que un lle presta é a mitoloxía toda relativa a caza das baleas, sempre pode subir ao Monte Brasil na Illa de Terceira e dende a Vigia da Balea escrutar o mar na procura do paso dos cachalotes. Tamén pode visitar o Museu dos Baleeiros en Lajes do Pico. Se nunca experimentou comendo peixes abisais pode visitar São Mateus e alí pedir un peixe que lle din bocanegra (Helicolenus dactylopterus). E xa para non aborrecer se o que lle apaixona é a antropoloxía cultural ben pode achegarse á comunidade mariñeira de Rabo de Peixe na Illa de São Miguel ou estudar o dialecto miguelense/miguelino, ou os fluxos migratorios de azorianos aos EEUU. Pode, en definitiva, sentir innúmeras experiencias que nunca tivera ao seu achego e sen a presenza das greas de turistas que hai nas Canarias ou na Madeira, pois aterrar nos Açores nin sempre é doado e o clima é tan variábel que din os naturais que ben se poden ter as catro estacións nunha única xornada.

O que referín para Açores, que coñezo por cuestións de traballo, serve tamén para tantos outros lugares do mundo, dende Praga até Berlín, dende Montego Bay até a selva do Triángulo de ouro. O ignoto está en un mesmo e a posibilidade de instrución en calquera parte do mundo (Galiza é un mundo, Risco dixit). Claro que se un vai a Punta Cana con pensión completa e só fai as visitas que lle propoñen os operadores, regresa como foi, se cadra máis moreno e con algunha aventura amorosa (verdadeira ou falsa) que contar.

Xavier Queipo