Inesgotábel (G)Alicia

download pdf

Aqueles adultos que aínda non leron Alicia no País das Marabillas e Alicia a través do espello poderían, se cadra, esquecer as mas linguas que os clasifican como libros para nenos (e moi en particular, delicias do patriarcado, para nenas). Os dous libros admiten, ao meu parecer, unha lectura adulta de proveito e non insistir nunha lectura infantil cando non melindreira.

Hai uns días, lin un pequeno ensaio1 sobre a alienación do tempo. Nel facíase referencia directa a estes dous libros. Explícome. A nosa percepción de Cronos (do tempo) fai de nós clones do Coello Branco, sempre correndo dun lado a outro, sempre con atraso, sempre pendentes do seu reloxo de peto (o actual teléfono móbil) que procura a precisión no cálculo que se relaciona directamente coa percepción dun tempo que xa non é noso senón exterior a nós (‘ipad’, ‘gsm’, pantalla do ordenador, reloxos dixitais estratexicamente situados en varios puntos da vila).

A aculturación, a domesticación da humanidade (lavado de cerebro da propaganda capitalista, socialización ficticia a través das “redes sociais”, amalgama de ritos e costumes importados de xeito mimético) esixe que os seres humanos se subordinen á fragmentación do tempo en unidades que se poidan cuantificar como unidades produtivas. Esa tendencia ten como resultado unha alienación temporal (intemporalidade) relacionada cunha alienación espacial (desubicación). Os humanos pasan a ser no sistema capitalista evolucionado Coellos Brancos, homes e mulleres apresados, ocupados no nada cotiá, que interiorizaran a mensaxe máis querida do capitalismo protestante: “Time is money” (O tempo é ouro). Iso fai de nós escravos do que se veu en chamar a hipótese (ou o paradoxo) da Raíña Vermella.

Alicia da man da Raíña Vermella é levada por ela nunha carreira aloucada. Abraiase Alicia que a paisaxe semelle permanecer estática mesmo que elas as dúas corran máis e máis rápido co resultado paradóxico de “correr para ficar no mesmo lugar”, o que constitúe senón a esencia si unha das características máis sobranceiras da sociedade actual. Vivimos submisos á tiranía do tempo ordenado (fragmentado), onde cada anaco debe ser produtivo e nós debemos estar sempre facendo algo, que adoita resumir o binomio produción/ consumo, o que algúns relacionan directamente co tempo deshumanizado (por ausencia de percepción individual da experiencia) que traballaría perpetuando a sociedade do espectáculo, onde todos nós somos actores (selfies incluídos) dunha comedia bufa, que ten como ideoloxía envolvente o nihilismo.

E porque entón cito a Galicia no título? Simple, porque a miña percepción do meu país é que vivimos apresados como Coellos Brancos, chegando tarde a todos lados, sempre con atraso, empeñados en ocupar o noso tempo en non facer nada útil para conseguir unha sociedade mellor e, ao mesmo tempo, gobernados por aqueles que como a Raíña Vermella insisten nese aloucado correr paradóxico para ficar no mesmo lugar (Afirmación xeral, enténdase, e coma tal inxusta, mais se cadra non viría mal unha reflexión sobre este punto).

Ás veces, diría eu que en non poucas ocasións, levados polo cansazo que o exercicio continuado do poder amalgama e, se cadra tamén, polo nihilismo propio da xeira que nos tocou vivir, os gobernos (todos) corren aloucadamente para ficar atrás, toliños eles sen avanzar nin un milímetro ou atrasando a posición de partida. Vexan senón cal é situación da sanidade pública, do ensino primario, secundario e universitario, das prestacións sociais (as pensións ou as axudas paliativas da Lei de Dependencia) e da cultura de noso. Compárenas coa situación de hai unha década e daranse de conta do que falei até aquí, dos Coellos Brancos e do Paradoxo da Raíña Vermella. E, por descontado, o que se aplica ao goberno, aplícase tamén os Coellos Brancos daqueles que pretenden ser unha alternativa de goberno.



1 Sortir d’une aliénation du temps, de Véronique Bergen (Facettes, revue annuelle d’art contemporain ; 2017, 3 :4-15).

Xavier Queipo