Referendos

download pdf

Xa hai uns meses hai no Reino Unido unha vaga de opinións e unha corrente de opinión que pide un segundo referendo para decidir o si ou o non da saída dese país da Unión Europea, o que se coñece como BREXIT.

Eu non son un experto xurista nin o pretendo, mais voulles relatar a seguir a miña idea sobre os referendos e as condicións de voto que coido eu se deberían dar para aceptar un resultado vinculante. En primeiro lugar os referendos vinculantes convócanse polos gobernos cando a decisión a tomar é de gran importancia para o futuro do país e cando o poder considera –de xeito magnánimo- que debe consultar á poboación. É bo que así sexa e que para asinar un tratado internacional, acceder á autodeterminación, modificar o modelo de Estado, legalizar certos dereitos que non están recollidos na Constitución naqueles casos onde hai demanda social, facer desaparecer a moeda propia e integrala nunha moeda partillada con outros estados (Euro), sexa recomendábel deixar en mans da poboación a responsabilidade na toma de decisións.

Os referendo adoitan resolverse por maioría simple dos votos (con superar o 50% de votos positivos emitidos, adóptase a decisión). Daquela en moitos casos non solucionan ningún problema e a decisión reflicte as ideas dunha minoría, o que vai contra a esencia da consulta e contra a necesidade de adoptar unha medida que sexa “realmente” a decisión dos consultados. Neses casos non é infrecuente que os gobernos se non lles acae ben o resultado repitan o referendo varios anos despois (lémbrense os casos de Dinamarca ou de Irlanda, onde os pobos decidiron unha cousa e mudaron de opinión na consulta inmediatamente posterior, e sempre por un mando de votos). Noutras palabras un referendo gañado co 53, 1% dos votos emitidos e onde a participación foi do 88.6% (ou sexa masiva para os estándares de participación), dá como resultado (53, 1*88.6)/100) 47,05%. Dinamarca no ano 2000 non entrou no Euro aínda que non se superara o 50% da poboación que fóra desta idea (nin da outra tampouco). A prensa falaba dun rotundo “non” á entrada no Euro, co 47% dos votos! Pola contra os habitantes de Grenlandia votaron pola independencia de Dinamarca en 2008 cun 75, 5% dos votos dun total de 72% dos votos emitidos, ou sexa cun resultado real sobre o censo (75,5*72)/100=54% e aínda seguen á espera, pois tal parece que o referendo non era vinculante (o poder e as súas trapalladas!)

A miña opinión é que para gañar un referendo vinculante é necesario que o resultado reflicta polo menos a opinión dos ¾ ou 75% da poboación (maioría cualificada), pis non estamos falando de lle dar nome a unha rúa ou de construír un carril bici, senón de algo que é fundamental para a vida de toda a sociedade e daquela a opinión debe ser “realmente maioritaria”. Se supón que os cidadáns son consultados porque se trata de tomar unha decisión que pode mudar o rumbo do país e/ou as súas vidas de xeito individual e colectivo.

Sería necesario ao meu parecer, pois, para que un referendo fora vinculante para a sociedade, que as ¾ partes da poboación estiveran activamente a favor desa opción. Non se esqueza que en moitas ocasión a abstención é en si mesma unha posición política. Para iso– considerando unha abstención media do 30%, - os votos afirmativos acadaran o 97% dos votos emitidos. Se pomos o obxectivo no 50%+1 da poboación con dereito a voto –que é o que se estila- sería necesario que estiveran a favor o 71, 5% dos votos emitidos.

Xa sei que deseguida estabeleceran a conexión co caso catalán e un hipotético referendo “pactado”e/ou legal. Estou a prol dun referendo de autodeterminación en Catalunya e –matizando- que este represente a vontade da maioría cualificada –ou, e cando menos unha minoría simple da poboación con dereito a voto. Compre tamén lembrar aquí que no referendo do pasado 1 Outubro de 2017, sen contar as grandes dificultades para a súa realización, acadáronse cifras de participación do 42% e e de 90% de sis, equivalente a un 37,8% da poboación con dereito a voto.

Xavier Queipo