Sentimentos encontrados

download pdf

Cando chegou o meu aniversario que abre a sétima década da miña vida, fixen unha análise da miña vida e do país. Comprobei así que unha chea de amigos da nenez experimentaran mortes absurdas polas varias adicións que prenderan nas súas vidas e outros –malpocados tamén- desviaran o seu camiño levados pola codicia sen límite e remataran cos seus ósos nas cadeas de A Lama ou de Teixeiro. Preguntaránse vostede con que xente é que eu me xuntei cando mozo. Nada especial, direi, con xente do común, do agro e da cidade, mais que queren, son membro dunha xeración que nunca chegou ao poder e que sufriu da violencia dunha sociedade en descomposición. Non esaxero, non pensen, cando falo as veces de distopia (anuncio dunha realidade negativa e crúel) e outras aínda de grave septicemia (infección mórbida, de prognóstico grave), que é o que, ao meu parecer de observador distante, vive Galicia, desangrada polos pulsos.

O abandono das terras en barbecho, a concentración da poboación na franxa costeira Atlántica, a pirámide poboacional invertida, os roubos con violencia sobre os nosos maiores, a explotación sexual das mulleres, as continuadas vagas migratorias, o desemprego ou o emprego precario, a corrupción máis ou menos tenaz, as secuelas do narcotráfico e as súas ramificacións políticas, a negación da propia lingua por uns e as ideas supremacistas por outros, os comportamentos miméticos irracionais, o gregarismo como droga asustadora e todas esas características de aparición insidiosa que van facendo de nós unha sociedade en descomposición, en morte lenta, atacados dunha pandemia de inmobilismo conformista cando non de barbarie ética. Negativo. Non, non crean, simplemente observador distante e, enténdanse, nin sempre ben informado.

Coido en pensar que non podemos seguir así e ocórreseme que temos que falar. Si, deixar de ouvear as nosas consignas e de escoitar os ouveos da outra grea de lobos que temos fronte a nós e falar devagar, sen presas, sen prexuízos, sen lugares comúns. Para ese cesto precisamos vimbios: analizar a situación, facer un diagnóstico e procurar solucións a este declíneo progresivo. Non son eu home de grandes ideas nin tampouco de ideais inmutábeis e sacrosantos, senón de diálogo e reflexión en conxunto, enriquecedora sempre.

Nestas mesmas páxinas xa avoguei por formas mixtas de democracia, por comisións paritarias de políticos e xente do común, por cargos de elección aleatoria e outras posíbeis estruturacións do diálogo necesario.

Hoxe recunco, quizais por última vez, pois bo é mudar de obsesións de cando en vez, nesta mesma idea de intentar un diálogo constructivo para sacar ao país deste camiño sen retorno. Se así non acontece, o caos calmo no que agora sobrevivimos deixará de ser calmo e se trocará nun caos violento, antecipo, como case sempre acontece, dun caos aínda maior que é un sistema totalitario e inflexíbel, onde a pobreza ética e a xestión interesada dos recursos públicos conduzan a unha ditadura férrea, irracional, degradante e absurda (como todas elas son).

Temos que repensalo todo: o sistema de propiedade da terra e a ordenación do territorio, os dereitos fundamentais e os deberes dos cidadáns, a solidariedade territorial e a autonomía financiera dos Concellos, as institucións ancoradas no pasado remoto (deputacións) e a necesidade de mancomunar loxisticas e servizos que se adapten á estrutura etaria e á diseminación da poboación, a explotación pública dos recursos de propiedade común, a adaptación do sistema produtivo primario (agricultura, gandeiría, pesca) ás necesidades da poboación (seguridade alimentaria) para disminuír así a nosa dependencia, as urxentes inversións en educación e cultura para erradicar comportamentos impropios dunha sociedade civilizada (esa pandemia terríbel da violencia sexista)... a lista é longa e se me antolla que dramática, mais o silencio, a inación, o deixar pasar o tempo e que todo podreza é o peor que pode acontecer.

Xavier Queipo