Tiñamos un país

download pdf

Nós, como galegos, tiñamos un país ou a quimera dun país e xa non o temos, escribín un día nestas páxinas de escuma que van deixando ronsel nun mar arado de incertezas. Houbo quen o interpretou de xeito nesgado afeándome o comportamento. Dígoo con convencemento e terei, pois que explicalo mellor ou cando menos intentalo. Houbo un tempo non tan afastado en que tiñamos banca propia (non só Caixa Galiza e Caixa Nova, senón algúns bancos medios ou pequenos como o Pastor, o Etchevarria e mesmo un que acode á memoria que era o Banco Galego), unha empresa enerxética importante como Fenosa, uns asteleiros de sona como Ascón, Barreras, Astano..., empresas innovadoras como Televés nas telecomunicacións, Zeltia Agraria, no campo da biotecnoloxía e a mellora dos cultivos, Pescanova, líder no tratamento de peixe conxelado, empresas emblemáticas como Sargadelos ou Estrella de Galicia, outras emerxentes entón como Inditex e tantas máis de capital ou implatación na terra como as industrias pesqueiras nos cinco océanos que no mundo hai, sen contar tantas outras de estirpe estranxeira que a memoria flutuante non trae neste intre de estrañamento e distancia. Algunhas tiñan as súas sedes no país e outras preferían cotizar a facenda en Madrid ou no lugar onde estaban situadas as súas casas matriz. Había daquela unha esperanza; que coa profundización da autonomía e un concerto económico recaudatorio semellante ao de Euskadi poderiamos soñar primeiro cunha autonomía financieira e despois cunha desexábel independencia política. Os números daban para semellante aventura, acrediten, aínda que a nosa tímida burguesía, mimética e sen afouteza, desanxelada e conservadora, nunca chegou a crer que o empeño era posíbel, que a quimera se podería converter un día en realidade.

Forzas centrípetas, económicas e políticas e infestacións perversas de investimentos sen bandeira levaron a unha perda do carácter protogalego dunha gran parte dese capital que fóramos alimentando coa fragua cotiá das vagas de emigración e co emprendemento teimudo duns poucos. Mudou o ecosistema económico coas fusións bancarias, a externalización das actividades, o mercado globalizado e as vendas dos nosos aforros. Así fomos esvaíndo como realidade económica diferenciada antes aínda de ter a masa crítica que nos podería achegar á independencia económica, que –críase- ìa propiciar a independencia política.

Haberá pois que dar un par de pasos atrás como diría Lenin, logo de dar un paso adiante, e coller forzas para avanzar, coller carreira e centrar o ímpeto no que é importante, deixando atrás vellos modos e maneiras. Temos un pais –corrixo as miñas primeiras palabras- mais ou non o cremos ou non poñemos a enerxía no lugar axeitado e, xa se sabe dende Arquímedes que, sen punto de apoio non se move o mundo. O punto de apoio é a economía e mentres os números non volvan dar, non é doado ter a curto prazo o soño da independencia. As enerxías, pois, hanse empregar en avanzar como tecido económico e social – e, por iso mesmo político- diferenciado e non só na construción dunha Quimera monstrosa (ese peixe feo, familia de raias e de quenllas, a quen chamamos peixe-rato).

Nós, como galegos, tiñamos un país e xa non o temos, recunco na idea. Por iso convén reflexionar no que realmente queremos acadar e as etapas que temos que queimar nese empeño. Reconstruír non é tarefa sinxela –ben o saben aqueles que restauran unha casa en troques de fabricar unha nova- pois require dedicación e agarimo, cachaza e revisión constante dos planos, coñecemento dos materiais e moita paciencia.

Logo da reflexión necesaria virá a acción, esa dose inmensa de afouteza e agarimo, de paciencia e avaliación constante, de empeño e teimosía. Revisar as ilusións, baixar a terra, coller impulso, afincar as coxas e saltar cara adiante. Non vos pido milagres, meus, só reflexión, deixar atrás as consignas vellas e (re)construír este noso país que dende o poder ninguén quería nin quere libre.

Xavier Queipo