A desaparición do elefante |
|
Os cardumes de muxos remoendo o alimento que chega dos esgotos. Todo aparentemente igual e no seu exacto lugar inmutábel, estático, calado. A brétema espesa galgando polos penedos do Morrazo e o barco de Cangas xurdindo por entre a néboa mesta. Quietude. Mudaron as consciencias e mudaron as vontades e como dicía Elis Regina nada será como antes...amanhã. Hai que estar vixiantes para sorprender o intre máxico –agora mesmo- cando pasada a nube bretemosa todas as accións ocultas se fan visíbeis e xa nada se agoche ao común entendemento: a traizón das maiores, o escándalo da inacción, a constatación da inoperancia até que todo regrese o nada cotiá. O gran mago Houdini tornouse famoso por aquel aquel truco magnífico no que facía desaparecer un elefante diante dos ollos da platea, suponse que atónita. O mesmo, a desaparición dun elefante virtual na cacharrada do estado, é o que ven de perpetrar un tal Sánchez para abraio dos máis e escándalo dos menos, que termarán en darlle o seu voto, aínda atónitos a el e a seu compañeiro no estrado, que case fai marrar o truco, mais que contribuíu e de que maneira, á desaparición do elefante. Non puido ser, o que estaba atado nun xa afastado día de xullo, deixou de ser posíbel pola manobra insensata do mago e o seu acólito. Pouco se aconsellan os homes de experiencia allea e pretérita, mais se hai que procurar ensinanzas do pasado é que as esquerdas (reais ou ficticias) rara vez se entenden. A que tanto nobelo e tanta andrómena para rematar no bloqueo absoluto, na negación da vontade popular que si quería un goberno de progreso (si, certo, cadaquén cos seus matices) e non esta lameira de insultos e palabras maiores, que anteceden á ditadura da normalidade predecíbel. Non sei se son o único –ben espero que non- mais estou canso dos debates que non procuran acordo senón reiteración no trasacordo. Pídolles, porén, que se queren mudar as cousas, voten por aquel que máis lles acaia á súa clase e condición, mais por unha vez sen pensar nas enquisas (puro realismo máxico) nin no voto útil (votar por aqueles que poden saír), nin noutras trangalladas polo estilo. Pensen en vostedes mesmos e nas súas familias, sexan estas de sangue ou de escolla, nos seus amigos e afíns, en definitiva, na súa xente. Unha vez pasada esta fase (pensar) co frémito da ilusión labareando nos ollos, voten por aqueles que lles sexan de lei, axugando razóns e non posibilidades ou cálculos matemáticos de maiorías posíbeis e alianzas inoportunas. Xa viron que as maiorías posíbeis desfanse no nada cotiá cando se abre a brétema e xurde a realidade omnímoda do poder financeiro. Despois, sexa cal sexa o resultado –mellor se lles convence- no empardecer do día vaian celebralo cos seus, conscientes de que fixeron the right thing/o xusto, o que querían facer e non o que outros lles ditaron. Terán razón na celebración, foron a por eles coas armas na man de quen cre aínda que se pode mudar o curso da historia. Se os resultados saen para ter un verdadeiro goberno progresista, pois daquela déanse o gusto do estronicio do ramo final dos foguetes. Se non fose así, terán a conciencia tranquila e poderán, se fose preciso, actuar con outras armas como son a da crítica e a da loita constante contra a inxustiza. Para ben ou para mal –que iso está aínda por ver- que torne a roda e que torne porque nós lle demos impulso e non porque deixaramos que o impulso o deran outros. Algúns pensarán que falo de utopías. Pode ser, mais ogallá que nunca rematen os coñecementos inútiles, os soños utópicos, as arelas desmedidas e as accións invulgares. O elefante, entendérono xa, estou certo, era o goberno de coalición que a xente do común reclamaba e que os aprendices de bruxo desbarataron ao comando do poder financeiro, que non quería elefantes, que desexaba e así o facía público sen ambaxes, que ao abrirse a brétema os cardumes de muxos seguirán moendo e remoendo no alimento que procuran nos esgotos do estado. Xavier Queipo
|
|