A seca que trouxo a guerra

download pdf

A meirande parte de nós lembramos os primeiros informes da “Primaveira árabe” na que a xente tomou as rúas de Túnez, Exipto, Siria e Libia, con resultados ben diferentes como o tempo mostrou. En Siria reclamaban a dimisión do Presidente Bashar al-Assad. En poucas semanas produciuse unha escalada que levou a unha guerra civil, campo de batalla entre as forzas leais ao presidente, os grupos da opocición, os kurdos, os rebeldes sunís e, neste terreo fértil para sectarismos e intervencións estranxeiras, al-Nusra and Daesh (Estado islámico), todas elas apoiadas por Irán, Arabia Saudí, Turquía, Rusia e unha parte dos membros da OTAN. Neses máis de oito anos van alá máis de medio millón de mortos e máis de dez millóns de desprazados dos seus fogares.

Se cadra non é de coñecemento xeral que a ma planificación, a seca extrema e, como consecuencia, as desastrosas colleitas entre 2006 e 2010 levaran ao colapso do sector agrícola no noroeste que forzou a millón e medio de labregos –man de obra sen especializar- a emigrar ás cidades, o que constituiu un factor crítico para a inestabilidade política.

Esta rexión da chamada “Media lúa fértil” (lingua de terra produtiva que vai dende o norte da península arábiga e o val do Nilo até Mesopotamia e o Golfo Pérsico) depende en gran medida das precipitacións: mais dos 2/3 da auga para a agricultura chega nos seis meses de chuvias. O resto procede das augas subterráneas. A gran variabilidade inter-annual da auga de chuvia confire, pois, unha importancia capital ás augas subterráneas. Durante a presidencia do pai de Bashar (Hafiz Assad), entre 1971 e 2000, Siria aumentou a súa dependencia da produción agricola propia e comezou a explotar a terra abusando das reservas de auga subterránea, o que fixo que a agricultura dependera máis e máis da auga de chuvia. Varios anos de chuvia escasa levaron a que o chan secara sen que as augas subterráneas poideran compensar a falta de chuvia.

Mais a seca non afectou só a agricultura. A falta de auga levou aparellada falta de herba o que levou á gandeiría a unha crise igualmente importante, obrigando os gandeiros a vender parte do seu gando para subsistir. Para incrementar a treboada perfecta a política liberal de Assad eliminou as axudas aos agricultores e gandeiros, que viron como o prezo do gando diminuía e as terras non daban, mentres os alimentos e as sementes multiplicaban o seu prezo. En 2009 un informe da ONU alertaba de que o goberno sirio non puidera xuntar os recursos necesarios para atallar as consecuencias desta seca extrema forzando así a unha migración interna masiva cara a Damasco e Aleppo. Esto fixo aumentar de xeito exponencial as necesidades de auga nas cidades, que unido ao desemprego e a exclusión social dos cabados de chegar levou a un clima social insoportábel.

Nas orixes desta seca está o cambio climático pois os incrementos de gases de efecto estufa levan aparellado que esta sexa máis extrema e se prolongue por máis tempo. Algúns científicos do clima prevén que a finais do século XXI as terras produtivas da Media Lúa Fértil van desaparecer como terras produtivas.

A grande seca de Siria é un máis dos exemplos dos que se fala máis ou menos (como as secas en África subsahariana) de como o cambio climático pode actuar como multiplicador de conflictos. A seca extrema sumada a unha escaseza de recursos naturais e a migracións masivas introducen un plus de problemas ás dificultades de base. Como as temperaturas non van deixar de subir (e estamos adoptando solucións sub-óptimas para contrarrestalo) estas rexións do Oriente Próximo vanse converter en terreo ermo e inhabitábel nunhas poucas décadas, que era precisamente a pinga que faltaba para aumentar as tensións políticas entre nacións veciñas.

Daquela, cando pensen en votar nas varias eleccións que xa chegan, boten unha ollada a como os seus favoritos abordan o cambio climático (que aquí tamén vai chegar, acrediten, quer de por terra quer de por mar).

Xavier Queipo