Clases |
|
Semella simplista mais dende a instauración do sistema capitalista sempre houbo tres tipos de xente, tres clases coma quen di: a alta, a media e a baixa. Ás veces os individuos non saben a cal delas pertencen e sustentan posicións políticas e ideolóxicas dunha clase á que non pertencen. Os anceios destas tres clases –baixa, media e mais alta- foron, son e serán irreconciliábeis, aínda que nalgúns casos se produza unha alianza táctica entre dúas delas, nunca entre as tres. A loita polo poder é sempre a mesma, con intensidades e manifestacións diversas, mais sempre a mesma loita recorrente. Non semella que as mudanzas dos tempos vaian traer novidades nesta estrutura de categorías que raramente se mesturan entre elas. As tendencias políticas que se reclaman interclasistas non son outra cousa que populismos tinguidos de compoñentes reaccionarios ou progresistas segundo os casos (e aquí a gran dificultade é delimitar claramente o que é progresista ou reaccionario). Esas formacións políticas interclasistas non teñen outro interese que levar ao poder aos seus dirixentes mesiánicos (estean estes tinguidos de azul ou de vermello). Até mediados do século pasado acontecían revolucións onde as clases media e baixa acadaban o obxectivo de derrocar á clase dirixente corrupta, mais como se viu a norma foi que a nova clase dirixente levou ás clases media e baixa á súa situación precedente de interinidade ou escravitude, converténdose eles, a clase dirixente, en clase alta empoleirada no poder, tantas veces de xeito ditatorial e sanguinario (a URSS de Stalin, a China da Revolución Cultural, a Kampuchea dos Khmers Vermellos). Esta alianza táctica pode, así e todo, perpetuarse no tempo, mais dun xeito progresivo e insidioso, a unión de clases, vai ir desaparecendo das prioridades do novo poder hexemónico, que –é sabido- adoita xuntarse arredor dun partido único e desenvolver técnicas de control social baseadas no convencemento de que o que é bo para o partido éo para a sociedade (o caso de Cuba ou da China de hoxe). Por longos períodos –ditaduras e colonialismos incluídos- a clase alta semellou e semella estar empoleirada no poder e segura de si mesma, como é o caso no momento presente, onde recuperada da crise económica a alianza do capital financiero estende as súas poutas nas democracias occidentais afincando a súa posición de privilexio. De aparencia nacionalista as opcións políticas reaccionarias que representan ao capital financiero son todo menos iso, pois alimentan a súa forza precisamente no comercio internacional e na rede de complicidades e servidumes entre os seus actores, de xeito que poden facer caer gobernos ou arruinar países (logo de pór os seus intereses económicos a resgardo nos paraísos fiscais), declarar guerras ou anular as garantías democráticas alá onde lles conveña. Que forzas son senón as que moven as guerras, “primaveras”, revolucións e contrarevolucións no Oriente póximo, as que manipulan a información do que realmente acontece en América Latina (que leva aos salvadoreños, aos hondureños ou guatemaltecos a lanzarse a unha migración desesperada? que se oculta baixo a situación en Venezuela ou en Bolivia?, que pasa realmente na Arxentina?), que leva aos cidadáns subsaharianos a arriscar as súas vidas para chegar a unha tamén empobrecida Europa, ou quen move os fíos para que a extrema dereita co seu discurso xenófobo triunfe nos países que outrora formaron parte do bloco comunista. Argumentarán que nunha economía globalizada, onde os gobernos teñen cada día menos poder, onde a manipulación ideolóxica é unha constante, onde os obreiros votan á dereita máis reaccionaria, isto das clases ten pouco sentido. Como membro da estirpe dos que tiveron que emigrar innúmeras veces, dos que morreron nunha guerra que non era de liberación senón de exterminio, que tiveron que agochar a testa diante dos poderosos e falarlles nunha lingua que non era a súa, teño, pola contra, a certeza de que as clases existen. Xavier Queipo
|
|