COP25

download pdf

Estes días non se fala doutro tema, o cambio climático. Os números que se manexan son incontestábeis e as previsións asustadoras. Algúns falan do punto de non retorno e outros, menos optimistas, falan de que xa chegamos tarde, que logo de 25 cimeiras polo clima falamos e falamos e non facemos nada de xeito para somlucionar os graves problemas que se aventan nun futuro cada día máis próximo. Hai, así e todo, espazo para a esperanza, para pensar que se ben non se pode dar marcha atrás nas moitas agresións ao medio natural si hai aínda espazo para a acción. Eu, que queren, son moderadamente optimista, pois mudar de xeito de vida e de modo de produción non semella doado. A Unión Europea por intermedio do Parlamento Europeo decretou a semana pasada o estado de urxencia climática, mais, ao mesmo tempo, á cimeira de Madrid non acodiron os países máis contaminadores do mundo como son os Estados Unidos de América e a República Popular de China nin aqueloutros que como Rusia, Brasil ou a India representan economías con altas taxas de contaminación. Algúns, levados da man dos seus gobernantes alienados, negan a realidade e contaminan case tanto cos seus discursos negacionistas como o fan coas súas políticas enerxéticas e industriais. A natureza está en perigo de desequilibrio caótico e eses proto-dictadores empoleirados no poder non teñen outra receita que negar as evidencias científicas e lanzar mensaxes tan simplistas como efectivos. Segundo eles nada acontece e todo é propaganda da “ditadura progre”.

Sabemos todos nós cales son os problemas. Xa pasou a xeira do diagnóstico e compre tomar medidas terapéuticas, xa, agora mesmo, sen dilación. Unha nena elevada á categoría de símbolo, de icona da protesta, cruza o Atlántico nun catamarán e sitúase nunha épica de protesta global. É bo que exista e que remexa nas conciencias dos máis novos, por unha vez na vangarda da acción solidaria. Será se cadra, neste mundo de xoguetes rotos, bandeirante temporaria e fugaz axitadora de conciencias, ou, se cadra, lider dun cambio paradigmático. Quen sabe, neste mundo de altibaixos fugaces o que acontecerá con ela e até onde estará nas primeiras páxinas dos xornais.

Todo o que nos arrodea é incerteza, todo o que temos son dúbidas e proxecións dun futuro incerto, mais nesta brétema mesta temos esa certeza da necesidade de acción, de atacar os problemas da agricultura e da gandeiría extensiva, do uso indiscriminado de combustíbeis foseis, da senrazón do uso de plásticos de un só uso, desta economía tola da dicotomía producción/consumo, que está no corazón da lóxica capitalista. Non teño receitas mais algo hai que facer para quebrar esta lóxica que produce como resultado tamén (non perdamos a perspectiva) unha maior desigualdade entre territorios e entre clases sociais. Non hai só unha maior diferenza entre as distintas areas do mundo senón tamén unha maior desigualdade social. Empatía, é necesaria unha dose masiva de empatía para entre todos nós tomar decisións duras, difíciles, complexas en todos os planos da produción e do consumo.

En Galiza, o noso pequeno país sen estado, temos que debater para ver que é o que nós, de xeito individual e colectivo podemos facer para mellorar a situación das nosas forestas, para atesourar e empregar con senso as reservas enerxéticas e acuícolas que temos. Temos que comezar a desenvolver políticas de prevención para cando veñan mal dadas, cando os mares estean, tamén aquí, contaminados, cando as poboacións de peixes deixen de ser comestíbeis pola acumulación de metais pesados, para cando non se produza unha renovación dos recursos pesqueiros pois as larvas de sardiñas e xurelos, enchan os seus bandullos de micro plásticos, para cando haxa que pór unha taxa de metano polas emisións do gando, para cando o país dos mil ríos comece a ter secas máis e máis prolongadas. A tarefa vai ser de todos e para iso teremos que contar cun goberno que dirixa esas políticas. No ano próximo teremos eleccións. Hai que comezar xa.

Xavier Queipo