Hai que mudalo todo ?

download pdf

Permítanme comezar con tres citas:

A primeira é de Carlos Fuentes, da súa novela “Los años con Laura Díaz”: “Hai que mudar a vida, dixo Rimbaud. Hai que cambiar o mundo, dixo Marx. Os dous estaban errados, o que hai é que diversificar a vida, hai que pluralizar o mundo abandonando a ilusión romántica de que a Humanidade só será feliz se recupera a unidade perdida. Hai que desbotar a ilusión da totalidade. Xa o di claramente a palabra, hai un único chanzo entre o desexo de totalidade e a realidade totalitaria.

A segunda é de Xosé Neira Vilas, da súa novela “Memorias dun neno labrego”: “América é un ichó. Os que caen nel non avisan os que chegan detrás. Primeiro pérdense costumes, xeitos de vida do país de orixe. Pérdese a alegría. Rematando, ás máis das veces, por perdelo todo. É como cando se arrinca unha árbore e se deixa coas raiceiras encoiro, sen terra.”

A última é de Alessandro Baricco, do monólogo “Novecento”: “Nos ollos da xente vese aquilo que verán e non aquilo que viron antes.”

Este verán, cando as novas políticas estaban baixo mínimos, encheron as páxinas dos xornais de medio mundo as dramáticas condicións dos salvamentos no Mediterráneo, onde a política reaccionaria gañou a batalla á solidariedade, os incendios intencionados e dramáticos, onde outra vez a política gañou a batalla á razón, e as ameazas de guerra comercial mundial daqueles que pretenden gobernar o mundo, que gañaron a batalla á cordura. Non é necesario que lles explique eu quen son os actores destas farsas bufas. Entrementres, eses mesmos medios de comunicación silencian e silenciaron outras catástrofes e desfeitas que no mundo existen e son lexión de infortunios. As loucuras reaccionarias e a ocultación das desgrazas cotiás son síntomas dunha sociedade doente, dunha humanidade sen compás, dun futuro aterrecedor para os máis e, se cadra, magnífico para os menos.

Por iso, se cadra, é necesario apostar pola diversidade nos modelos de sociedade e nos comportamentos (non hai un pensamento único, non hai un modelo económico vencedor), polo vigor que os híbridos obteñen na mestura de bagaxes culturais, pola reflexión pausada en troques da improvisación das consignas excluíntes e sectarias (todas o son), pola información que non agoche problemas nin conflitos por moi dramáticos que eles se nos presenten.

Todos os problemas teñen solución, senón serían feitos consumados e irreversíbeis. As migracións desesperadas dos que de África procuran nas costas de Europa un paraíso, a destrución da selva amazónica e a contaminación dos océanos, a fin das guerras comerciais e a recuperación dunha política máis solidaria e menos totalitaria, todo iso ten solución. Mesmo a despoboación do rural e o envellecemento da pirámide da poboación, tamén a teñen, ou mellor dito solucións, pois non hai receitas nin bálsamos que poidan curar todas as feridas.

Nos ollos da xente vense os problemas que eles teñen, os seus medos e as súas angueiras, as coidas máis íntimas e a desesperación. Non hai máis que ollar cos ollos de ver, non cos ollos de pedra e indiferenza cos que adoitamos deitar a nosa ollada na dos outros. Canta xente hai que vive medicada para soportar a luz dun novo día? Canta ouvea de rabia e impotencia? Canta procura saídas dramáticas que agochen os problemas que os asaltan? Pregunten aos profesionais da saúde e eles lles contarán que a sociedade está psiquicamente desestruturada, desesperada e triste.

Todos temos medo, uns a que mude unha vírgula das escrituras sagradas (sexan estas os libros revelados ou as constitucións votadas sen ser lidas), outros medo ao caos, moitos outros á inseguridade ou á exclusión. Que facer? Se cadra só tratar de entender o mundo na súa complexidade, fuxir de sectarismos e exclusións, cultivar a empatía, reinventar o diálogo pausado, comprender que as solucións requiren de acordos e renuncias, tender pontes de amizade e sobre todo ler a quen teña algo que dicir de xeito, que destile sabedoría nos seus pensamentos, sen exclusións nin sectarismos.

Xavier Queipo