Jano bifronte

download pdf

Cando dicimos de alguén que ten “dúas caras”, suxerimos que se trata dun hipócrita, pronto a partillar a opinión cunha persoa e, logo de virar costas, partillar unha opinión en conflito coa anterior (non necesariamente contraria) con outra persoa. Dese comportamento infírese que a persoa de “dúas caras”, ten unha distinta para cada opinión separada. Isto exemplifícase en Jano, deus romano responsábel das portas do ceo. A lenda conta que Jano tiña dúas caras, unha no lugar que lle corresponde na anatomía e outra na parte posterior da cabeza, o que lle confería a posibilidade de ver ao mesmo tempo nas dúas direccións e abarcar un campo de visión circular. Desa lenda romana (non esquecer que nós fomos romanizados) medrou a idea de que alguén que é quen de ver as dúas caras dun argumento e estar de acordo coas dúas, debe ter “dúas caras” como Jano.

Adoitamos identificar, pois, como negativo o comportamento daquel que é quen de ver as dúas versións do conflito; sexa este lingüístico, de clases, de modelo de sociedade, ou sexa este algo máis banal como unha desavinza verbo das lindes dun territorio (sexa este físico, ético ou moral). Eu fun educado polas varias vagas de instrución que recibín (a escola, a familia, a universidade, o servizo militar, a militancia política, o traballo manual, o traballo científico, a función pública internacional, a formación permanente pola lectura, as amizades multiétnicas e multiculturais) a pensar dun xeito e a pensar tamén do contrario (educación requeté na infancia cando cantabamos “por Dios, por la Patria y el Rey murieron nuestros padres...”, militancia esquerdista nunha universidade aberta ás ideas alén dos límites da especialización, fascismo puro e duro nun exército golpista, liberalismo económico como tendencia dominante no funcionariado internacional, racionalismo e paixón na formación literaria, flexibilidade comportamental diante das varias culturas coas que convivo). Nisto tiven moita sorte. Considero esa variedade de instrucións como unha vacina contra a intolerancia e o dogma. Así e todo intento renovar o meu arsenal defensivo cada día fuxindo dos prexuízos e das ideas precociñadas en mensaxes recorrentes, dos dogmas e dos lugares comúns. Procuro analizar e avaliar as distintas posicións ideolóxicas primando sempre a diversidade de expresións culturais como un valor en si mesmo, modulando o valor das tradicións (case sempre reaccionarias).

A experiencia vivida levoume a pensar que nin sempre é negativo ser quen de escoitar e partillar ideas co “inimigo potencial”, ser quen de negociar unha solución a dúas ou varias bandas, vendo o que de “bo” e de “menos mao” pode haber en posicións confrontadas, en visións do mundo diferentes, resultado dunha educación se cadra menos rica en matices da que eu fun atesourando co paso dos anos e no contacto coas distintas vertentes ideolóxicas deste río que nos leva que é a historia persoal.

Todo isto –Jano por medio- para lles contar que de aquí a uns meses –poucos- teremos oportunidade de votar (consolo mínimo nunha democracia imperfecta) a renovación dos nosos cargos municipais e daqueles que nos representen no Parlamento Europeo. As dúas citas son importantes, a primeira polo que ten de proximidade ao se tratar de estruturas de poder que lidan cos problemas do noso ecosistema cotiá (onde vivimos) e a segunda, pois é no Parlamento Europeo onde se lexisla (en conxunto co Consello de Ministros da Unión) sobre as moitas materias que van influír en moitos aspectos estructurais da nosa vida.

Todo isto –Jano por medio- para dicirlles que desconfíen dos que pretendan ser portadores das esencias ideolóxicas (de min tamén), dos que preconicen unha ideoloxía dogmática e pouco flexíbel, dos que miren nunha dirección única e pasen por riba das desigualdades e das diferenzas, das particularidades e das idiosincrasias. A mellor vacina é a reflexión, o non seguir ao bandeirante, o actuar como seres autónomos e libres (tan difícil!).

Xavier Queipo