O mito

download pdf

Hai tres días fun ver o debate entre un cineasta da Amazonia (Sergio de Carvalho) e un poeta brasileiro tamén (Henrique Rodrigues). Falaban do arte en particular e da cultura en xeral como (re)existencia. Foi un debate ben animado que comezou cunha cita de Pessoa, como non podería ser doutro xeito cando de resistencia se fala. No Brasil e na Galiza, que, salvante as distancias, son territorios de resistencia cultural, un logo do asalto ao poder do Presidente Bolsonaro e outra de resistencia crónica diante das agresións constantes á lingua e a culturas de noso.

Fernando Pessoa escribiu que “o mito é o nada que é tudo”, e así Henrique Rodrigues comeza o seu poema “O Bolso ou a vida”. Aquí hai dous xogos verbais, pois “Bolso” vai por “Bolsonaro” e “o mito” é o nome que lle dan os seus incondicionáis ao agora presidente do maior país de América do Sur. Non sei se lle pode chamar “mito” a alguén que ten como ación de goberno defenestrar o Ministerio de Cultura, o que dá idea do seu ideario. Conta Rodrigues, que a liña orzamental para proxedctos culturais foi reducida nun 30% así, como quen chisca un ollo.

Xa se sabe que Bolsonaro chegou para instaurar a cultura do odio. Cada día s eproduce nos medios afíns ao presidente a criminalización dun artista, dun movemento cultural ou dunha tendencia criadora. Polo de agora non é moi visíbel mais xa se están producindo autoexilios por desesperación e medo pola propia vida ou exilios forzados pola presión mediática e pola agresión directa dos partidarios do poder. É a mesma cultura do odio, da regresión e a ausencia de empatía polos que pensan diferente que antes intaurou Trump nos EUA e que agora queren instaurar en todo o territorio do Estado español os partidarios de Vox. É lugar común que ser de dereitas é ter medo: medo a que se mude unha vírgula das escrituras sagradas ou medo a que sociedade avance nun clima de respecto e empatía.

Queirámolo ver ou non a cultura do odio é unha característica sociolóxica identitaria dos tempos que nos ten tocado vivir. Esa ideoloxía (ou non-ideoloxía si se prefire) esténdese como regueiro de pólvora polas redes sociais (o exemplo máis claro disto son as fake news/novas falsas ou os haters/odiadores). O odio que ven de dentro, da frustración por non ser rico ou famoso que semellan as únicas aspiracións da meirande parte da poboación aos que o consumo creou a miraxe da felicidade asociada exclusivamente aos cartos e ao poder

Hai unha urxencia en reaccionar, en saír da zona de conforto dos gabinetes e acometer a tarefa de non deixar que a cultura do odio (que ten moitas caras, algunha delas amábel) destrúa a nosa cultura propia, a nosa capacidade de hibridar con outras culturas próximas ou afastadas, a empatía con outros pobos e outras linguas, outras manifestacións artísticas e outros modos de entender o mundo. Hai unha urxencia en pensar, en reflexionar, en darnos o tempo bastante para acometer un proxecto de democracia participativa (aquela que vai alén do voto secuencial), de cultura integradora, aberta ao confronto con aqueles que pensan diferente. É hora do ollar que ven de dentro, que analiza a realidade interior e espande o ser no exterior. Chega xa pois de militancias de gabinete, de activismos de “facebook”, que máis semellan autosatisfacción temporaria que reflexión analítica. Hai que regresar á rúa e ás escolas, ás asociacións culturais e aos debates abertos. Non podemos seguir de brazos caidos lanzando botellas de naúfrago a un océano de lixo, alimentando o odio contra aqueles que pensan diferente ou contrastando de xeito sectario as opinións propias só con membros da nosa banda, refractaria a toda interación enriquecedora.

Remato cunhas liñas do Henrique Rodrigues: “o mito é um pouco, quer muito/o mito é um muito que é nada/o mito é um pouco que é nada/o mito é um muito sem muito”.

Para reflexionar, pois salvante as diferenczas de tamaño e situación política, “unha cousa é a Galiza que é, e outra ben distinta como ela está”.

Xavier Queipo