Que país queremos ?

download pdf

As dúas tandas de eleccións deron unha imaxe se cadra máis real da Galiza actual que a que se tiña no Estado español. Pasei anos mortificado polos meus compañeiros andaluces que nos trataban de “fachas” pola continuidade dos conservadores en Galicia. Así, cando a ultradereita sacou adiante un Goberno conservador en Andalucía non fun correndo a insulalos, senón a convidalos a café para discutir sobre ficción e política.

Non está na natureza xenética dos pobos seren conservadores ou progresistas. O comportamento diante das urnas ten máis que ver coa bagaxe social evolutiva, co nivel de implicación/desafecto e coa coxuntura económica (e como esta se comunica). Circula un mapa dos votos da ultradereita española que sacraliza as iconas franquistas, que pretende dar marcha atrás (o seu método anticonceptivo favorito) nos dereitos individuais e na defensa da diversidade en todas as súas expresións presentes e futuras (haberá novos dereitos ligados os cambios sociais). Esa dereita estaría minimizada en apoios nas Comunidades históricas, aquelas que posúen linguas e culturas diferenciadas do ideal do Estado español. Polos vistos non somos un pobo máis reaccionario e máis conservador que unha parte ben importante do Estado español, que sempre cargaba contra nós como feudo da dereita.

Como colectividade, o sentimento máis común é a desconfianza polo poder central (por calquera poder, por calquera centro), a sensación de que queremos que nos deixen en paz coas nosas crenzas (máis próximas ao animismo que ao catolicismo), coas nosas festas (máis próximas a unha visión pantagruélica do mundo que á contención e á tristura que se nos supón como seres morriñentos e saudosos), coa nosa lingua mesturada de dúas (que alternamos e/ou imbricamos con variabilidade mutante), coa nosa renartería nos negocios (actuando en todo tempo e lugar como tratantes de gando), o noso gusto pola épica negativa (esa ficción de tempos pasados gloriosos que sustentan os gardiáns do Grial), o coqueteo intermitente co lusismo cultural e económico (que na meirande parte dos casos responde con desprezo e humillación), e esa sensación de estar á espera dunha clase dirixente (burguesa, na ocasión) que nos há liberar do atraso económico e da exclusión (empoleirándonos pouco menos que como unha potencia internacional). Vivimos pois nunha ficción do país que quixeramos.

Acontece, ende máis, que nin todos queremos o mesmo país. Hainos independentistas; federalistas; confederalistas, autonomistas, rexionalistas e patidarios dun estado centralista, sen ser necesariamente nacionalistas españois. Hainos tamén que non saben o que queren sempre que non mexan na súa vida.

Semella que as diferenzas entre nós os galegos articúlanse arrdor de tres eixos: a) os distintos modelos de conexión/desconexión nos que entender a relación co Estado español (incluindo os que a pretenden co Estado portugués, que hai xentiña para todo); b) o distinto nível de exclusión/inclusión no modelo capitalista (está difícil fuxir da economía de mercado), dende a defensa dunha ‘arcadia bioresponsábel’ até o delirio da ‘venta do país ás multinacionais’ e; c) o eixo clasismo/interclasismo, é dicir se diante calquera empeño de cambio estamos por apoiar ás ‘camadas populares”, a unha ‘unión sacré’ de todas as clases para a criación dun estado novo’, ou estamos en contra de calquera muda no sistema.

Aquí hai desigualdade, asimetría, exclusión, sectarismo, e, ás veces, apatía. Os sinais que as eleccións envían teñen que ver coa necesidade de procurar unha opción política razoábel cos poucos vimbios que este país esgotado, avellentado e desangrado ten para mudar a deriva demográfica, os problemas estruturais e para avanzar cara á unha sociedade máis xusta e solidaria, máis feliz.

Se non actuamos, se cadra o que teremos no futuo, por erros de cálculo, despeito ou vinganza será un status quo: gañarán os de sempre e, os de sempre tamén, cultivarán os froitos empezoñados do vitimismo.

Xavier Queipo