Revolución cultural

download pdf

Dicía Herbert Marcuse que “unha sociedade está doente cando as súas institucións e o seu sistema (ou sexa a súa estrutura) están configuradas de tal xeito que non permiten o emprego dos medios materiais e intelectuais dispoñíbeis para acadar o desenvolvemento óptimo da existencia humana”.  Iso dicíao nos anos 60 do século pasado referíndose á sociedade occidental en xeral, como crítica ao consumismo e a estrutura do capitalismo avanzado. Esa definición pódese aplicar, con reservas e matices mais pódese, á sociedade galega de hoxe: unha sociedade enferma.

Como dicía a desaparecida Marta Hannecker, a guerra actual (a nova ‘guerra fría’, a guerra de laminación) está centrada no dominio da vida cotiá, de xeito que todos os cidadáns acepten como paradigma unha única cultura posíbel no seo do capitalismo, que sería o xeito de vida burgués. A propia desestructuración das clases operarias (precariedade laboral, desemprego estrutural, febleza organizativa) contribúe a sensación de estar vivindo (con excepcións puntuais no tempo e/ou no espazo) nun inmenso ermo reivindicativo. Xa non existe unha clase operaria que cuestione o sistema, as propias forzas políticas que se din anti-sistema, non só aceptan as institucións da democracia representativa burguesa e os seus textos fundadores, senón que adoitaron –agás algunha concesión iconográfica- o xeito burgués de ver e organizar o mundo.

Tal parece que é certo que a nosa sociedade está enferma, non só polo indicado anteriormente senón tamén polo envellecemento da poboación, a violencia das relacións entre as persoas e comunidades (violencia de xénero, por descontado, mais tamén racismo, sexismo e, en xeral, confronto con todos aqueles que se afastan da “norma burguesa” de mentes ben pensantes), a ausencia de expectativas (ou a traizón a unhas expectativas falsas xeradas polo propio sistema), a concentración da poboación en núcleos urbáns cada vez máis deficitarios en servizos de calidade e onde a sensación de pertenza a unha comunidade se dilúe, o abandono dos sistemas de produción de materias de primeira necesidade, a “selvatización” do medio rural, convertida en amplas extensións de terreos ‘incultos’, que se asemellan máis que nada a unha foresta sen límite, a ausencia dunha estrutura social coa que se identificar, o mimetismo con comportamentos e a asunción de linguas alleas á evolución secular da sociedade como sistema de comunicación único (e, enténdase, deficiente), así como tantas outras características que estarán definidas en manuais de socioloxía ou antropoloxía e as que os meus coñecementos non chegan. Aceptado o diagnóstico de que vivimos nunha sociedade enferma, agora toca apandar coa responsabilidade de lle procurar un remedio, con curala de vez ou afrontar unha terapia sintomática, que é a que adoitan os que ignoran a raíz (etioloxía) da doenza.

Durante anos faleilles nesta tribuna e en varias outras da necesidade dunha Revolución Cultural, non a xeito daquela que planeou a elite maoísta, e que deu minguados froitos polo seu carácter infantil e sectario, senón a xeito do que apuntaba Marx de “saír do esterco da cultura herdada”, entendendo por iso non eliminar calquera traza de cultura propia, senón afondar en valores como o humanismo e a solidariedade renovando a ética persoal e colectiva, loitando contra a corrupción (comezando por suposto pola do propio partido). Temos que pasar da categoría de “cidadáns que obedecen de xeito cego” a “cidadáns que conquistan cada día os seus dereitos e liberdades”. Dicíao Marx, mais tamén o dicía un personaxe tan pouco afín como William S. Burroughs, o autor de “The Naked Lunch”, cando escribía “é máis necesario mudar de universo que de sociedade…o que habería que facer, enténdase, é unha revolución cultural”.

Como se podía ler nunha pintada no campo de exterminio stalinista de Kolyma: “Todo vai mal, porque non a Revolución?” Como diría Xurxo Borrazás “ser un mesmo é máis difícil que ser calquera”.

Xavier Queipo