Volem una solució avui !

download pdf

Nos moitos artigos que xa levo escritos nesta sección onde comecei alá polo 2012, coido que nunca tratei especificamente o ‘caso catalán’. Non é que non teña opinión, é que penso que a miña opinión en realidade non conta para o asunto, que se trata dunha situación allea a min. Foi así, pois, por unha precaución dupla que non expresei de xeito aberto a miña opinión. A precaución primeira foi non repetir consignas ou lugares comúns que os milleiros de comentaristas políticos xa avanzaran, e a segunda e máis importante porque como non-catalán, coido en pensar que son eles os que están mellor situados para falar do futuro para a súa nación.

Eu, despois de analizar as distintas opcións que hai no taboleiro político, inclínome por un ‘referendo pactado’ entre o Poder central e a Generalitat de Catalunya (que tamén pode ser entre o Parlamento Catalán e o Parlamento Español). O pacto requiriría de fixar varias variábeis: a) a pregunta concreta; b) a porcentaxe de participación; c) a porcentaxe de maioría requirida (simple, proporcional, absoluta); d) o carácter vinculante ou non do resultado do referendo e e) cal sería o proceso a seguir se o resultado é positivo para a separación (cal serían os tempos de desconexión?) e cal o proceso se o resultado é negativo (podería repetirse?, cada canto tempo?)

Ese é o diálogo que eu entendo que hai que ter agora xa, avui, sense dilació, logo dos varios anos de ‘procés’ (dende 2012), logo dos referendos testimoniais (pois non tiveron as garantías necesarias de participación, incluídos os secuestros de urnas), as declaracións de independencia que foron papel mollado, a negación sistemática do dereito a decidir, o encarceramento dos varios dirixentes que reclamaban a independencia por vía pacífica e a fuxida doutros, a aplicación do artigo 155 da Constitución ‘intervindo’ a Generalitat, os xuízos que xa foron sentenciados e os que aínda non, as reaccións duns e doutros, o propio estabelecemento de ‘bandos’ moi diferenciados, dentro e fóra do ‘soberanismo catalá’. Xa chega. Eleccións á vista ou non, nin uns nin outros teñen o dereito de seguir empezoñado a vida política de Catalunya e, por extensión do resto do Estado español. É lexítimo pelexar polas ideas que un ten, sexan estas de unión ou separación. O que non é lexítimo é seguir, dálle que dálle, sen coller o teléfono cando este soa con reiteración, sen falar nin propor solución a un asunto que ven empezoñando a convivencia dende hai xa demasiados anos.

Non sei o que di a lexislación vixente en materia de referendos, o que ben sei é que separarse dun Estado non é cambiar un farol de lugar nin tan sequera mudar de bandeira, himno ou escudo, senón algo máis profundo e importante. Os que defenden a independencia de Catalunya falan dunha República como forma de Estado. Por iso, o referendo sobre un tema tan importante para o seu futuro debe reflectir a opinión maioritaria dos seus cidadáns. Véxase o resultado do Brexit, onde o ‘si a deixar a Unión Europea’ obtivo un 52% dos votos (porcentaxe que amosa unha clara división entre dúas opcións diferenciadas). Se a isto lle engadimos que non votou o 100% da poboación, senón pouco máis do 72%, entón a decisión de divorciarse da Unión foi o resultado dun 37% de apoios explícitos [72*52/100] e levan tres anos escoitándose voces que negan a validez do resultado inicial.

Eu non sei se estou a favor da independencia de Catalunya ou se non. Coido que esa non é cuestión a responder por un non-catalán, aínda que lles teña unha chisca de envexa se eles están máis perto que nós de instaurar unha República. A min non me parece mal a idea dunha República, pois nunca fun monárquico. Estou si a favor de que eles decidan o que queren facer. A min non se me pasa pola cabeza que non o podan decidir se así o consideran o seu obxectivo como nación diferenciada e autónoma. Gustaríame que o decidiran os cataláns, non digo ‘todos eles’ pois iso é imposíbel, mais si unha ‘maioría maioritaria’ que a importancia do empeño precisaría.

Xavier Queipo