O RÍO DE BRUXELAS: “Roostergebouw”

download pdf

Xavier Queipo

Original versión: Galician

Cando cheguei a Bruxelas pola primeira vez, hai dezaoito anos, nin imaxinarme podía que non houbese rio. Consultando o plano da cidade fiquei na crenza que a cidade tiña canais, mais non tiña rio. Anos despois, un amigo ensinoume un plano antigo da cidade, onde se podía distinguir La Senne/ De Zenne, que así se chama o río de Bruxelas.

Hoxe, de regreso do país dos cen mil ríos que é Galicia, entroume curiosidade por ver se podo dar co Zenne, una leve liña azul que se distingue no sudoeste do mapa. Achégome á Rue des Veterinaires, e alí, entre una estación de servizo e un lavado de coches, hai dous camiños: un sube cara á via do tren e outro pérdese nunha zona arborada. Collo, por suposto, o segundo, e xa logo podo albiscar una corrente de auga arrodeada da típica vexetación de ribeira. Unha reixa anuncia a entrada no abismo de La Senne, condeada a vivir baixo terra.

È noite. A lúa espéllase nas augas xaspeadas de escuma. Algo chama por min. Armado de inconsciencia e afouteza baixo ata o cauce e entre as sombras dou coa rella impenetrábel. Os eflúvios. A escuma fosforecente. Non sei nin como nin cando na gorxa abrironse branquias, xurdiron escamas nos sobrazos, os ollos mudaron de lugar e forma, como unha luva se retorceu a pelve: o ano central, o sexo agochado e frío. Na resaca do tempo din en mudar en troita e peixe saltarín da lama, en píntega e iacaré, en simio descendente de Hanuman, o mono gramático, o do ricto tenaz e o berro estridente, o da languidez solar e a furia carnívora.

Acordo coa boca seca e as pálpebras pegañentas. Ollo o meu corpo: brazos esbeltos, pernas fortes, orellas sen lóbulo, bandullo emerxente e nariz entupido e corvo. Repaso a xenealoxía das mutacións, do baile dunha hélice que descifra compases, que se enrola sobre si propia, que se amalgama e se prega, que é desxeo de glaciar idoso e lava gris de volcán durminte: misterio da corda que non ata.

Bruxelas ten abofé un río. Na noite atravesara eu a cidade toda levado por ese río, que é o da memoria e o tránsito. Na distancia soa o estrondo dos automóbeis. Eu xa non estou na roostergebouw, senón deitado nun campo de herba, perto da antiga cadea de Vilvoorde.