download pdf

Dor

Unha das características de Leviatán, besta salvaxe que se nutre do esforzo dos máis e procura o conforto dos menos, é que precisa para medrar de cidadáns submisos, de seres inxeis sen capacidade de reacción.

Aqueles que se empoleiraron no poder en Galiza non teñen conciencia de estado, senón que administran o país coma se fose unha empresa, onde o máis importante -por non dicir o único importante para eles- é cadrar os números, obter beneficios e aventar as negras sombras da débeda pública. Mais gobernar un país non é só facer cadrar as contas e xestionar un presuposto, senón procurar a felicidade do pobo que se goberna.

Como se mide a felicidade é algo complexo. Lembro da miña mocidade un anuncio da primeira televisión, que resumía a mensaxe dun analxésico definindo a felicidade como a “ausencia da dor”. Algunhas veces teño pensado nese anuncio para definir a dor. Dor é sentirse enganado polos gobernantes que prometeran e non cumpriran, dor é ver a impunidade dos que rouban a esgalla sen que caia sobre eles sanción, dor é ser expulso da casa propia nun ataque frontal os dereitos humanos, dor é ter que emigrar por non atopar traballo digno, dor é non ter que lle dar de comer os fillos e remexer no lixo na procura de algo que levar ao boca, dor e ver como se estragan os dereitos conseguidos con anos de loita e de traballo, dor é ver como os ríos e os mares son inmensos vertedoiros de lixo, como arden os montes, como se estragan as colleitas, como os directivos das caixas, logo de nefasta xestión e engano continuado, van para as súas casas cos petos cheos de cartos, dor e padecer engano, estafa, abuso, exclusión... e ver como a xustiza sabe de clases e poderes. Dor é sentir que os dereitos son esmolas, que anos de traballo son subsidios, que os roubos se compensan con axudas. Dor é que o traballo non sexa remunerado, senón suxeito de dádivas de quen xa espremeu a mais valía e agora abandona ao traballador coma se fose lixo incómodo.

Aqueles que se empoleiran no poder en Galiza, teñen como comportamento máis sobranceiro a submisión ao estado Leviatán, que para si gorenta os recursos do país, que non contempla o ben común senón a administración dos diñeiros. Dende que chegaron sementan dor entre a poboación, desatenden a educación e a cultura, merman o sistema de saúde pública, reducen as conquistas sociais do estado do benestar que pretenden eliminar, deconstruír, arrasar. Todo para beneficio daqueles que mandan e ordenan, que os manteñen no poder con abondosas axudas, con millonarios subsidios, con interminábeis subvencións.

Así xira a roda esmagadora da inxustiza, o ciclo interminábel do mal. A solución está en nós, en predicar co exemplo, en organizar a resistencia ética, en defender os dereitos coa forza da razón. Ata a extenuación das forzas.

 

Xavier Queipo