download pdf

Walden ou a vida no bosque

Henry Thureau escribiu hai máis dun século a utopía do regreso á vida sinxela. Se cadra nesta xeira de crise sería interesante ler “Walden ou a vida no bosque”, para recuperar un xeito de vivir menos artificial e mais consciente, para superar o binomio esmagador produción/consumo. Non digo eu que teñamos que regresar todos ao campo, nunha especie de macro-comuna hippy dos anos setenta. Iso xa se experimentou en pequena escala e non funcionou nunca, que eu saiba. Mais cada un de nós pode reinventar unha vida menos absurda que a de ser como o poder quere que sexamos. Non falo de prescindir da tecnoloxía ao noso servizo e que sen dúbida fai a nosa vida máis sinxela. Falo de partillar, de reciclar, de utilizar os recursos a disposición.

Ocórrenseme algunhas preguntas: Por que non axudar cos traballos domésticos aos nosos amigos e familiares? Por que non modificar os nosos hábitos de mobilidade, camiñando máis ou desprazándonos en bicicleta, ou partillando o auto? Por qué non plantar unha pequena horta nesa finca que temos a monte? Por qué tirar comida en troques de planificar mellor? Por que non esixir unha compensación por reciclaxe de vidro ou papel, pois fornecemos materia prima gratis as empresas que se lucran e non son públicas? Por que temos que pagar un vicerrei que represente o goberno central e toda a súa panda de acólitos? Por que temos que ter administracións duplicadas e apandar coas deputacións provinciais?

Xa sei que é máis doado facer preguntas que dar respostas. Non son tan novo como para esperar que outros respondan por min. A solución está en máis soberanía e menos dependencia, nunha administración única e na eliminación de estruturas vicerreinais (remol dun pasado imperial e dun réxime totalitario centralista) e na aposta por unha cultura cívica que se aprenda nas escolas e nas casas.

Ceibamos os mozos á vida sen un mínimo de instrucións. A quen se lle ocorre que nin pais nin mestres aprendan os mozos a: a) ler a letra pequena dos contratos), b) medir o risco antes de se endebedar cun banco (nunca máis do 15% do salario neto), c) avaliar as diferenzas entre testar ou pasar as propiedades en venda, d) as vantaxes/desvantaxes económicas de ter vehículo propio se non se fan “x” quilómetros por ano, e) a necesidade urxente de preservar os recursos comúns (o ambiente, a pesca, o monte...), f) a importancia de reforzar o sistema democrático, de se organizar para defender os dereitos individuais e colectivos, g) como se fai unha compra a prazos e canto podemos investir cada mes (nunca máis dun 5% do noso salario), h) cómo facer a declaración da renda e cómo reservar os cartos necesarios para pagar a cota de impostos), i) cómo aforrar auga e enerxía (nunca máis dun 5% do salario), j) a necesidade de facer un consumo responsábel, mercando o que precisemos e non o superfluo... e moitas outras necesidades que deberían estar nos programas de estudo e nas ensinanzas familiares: que facer se pai e nai morren nun accidente? cando facer un seguro de vida, de roubo, de riscos no fogar?.., como protexernos como consumidores?, que facer se tes un accidente no estranxeiro?,..., se abusan de ti no colexio ou na rúa?...

Hai que formar cidadáns libres, que saiban escoller porque coñecen os riscos de facelo ben ou mal, que tomen decisións pois están ao tanto das alternativas, que poidan sacar a este país dese pozo sen fondo que é a miseria ética. Hai que reinventar un país sen débedas, sen lastres, sen dependencias: a vida sinxela, a vida feliz.

Xavier Queipo

Bruxelas, Novembro 2013