AI FEDERICO GARCÍA LORCA

download pdf

Xavier Queipo

Bruxelas, 17 de Setembro de 2006

 

 

Boas Isabel:

Foi o tamén escritor Fran Alonso o que nunha moi recente visita miña á Edicións Xerais de Galicia, me entregou a carta do voso foro invitando aos poetas galegos a participar nunha colectánea arredor da figura de Lorca.

Adxunta vai a miña colaboración, unha prosa poética inédita e ben sentida por formar parte Lorca do meu panteón de escritores máis queridos. Queda agora nas vosas mans por se o considerades digno de partillar publicación con outros poetas pasados e presentes, de indubidábel calidade, mestres todos eles deste que escribe para ser máis feliz. Se así fose, teredes o meu agarimo e, se non fose o caso de gusto, a comprensión a toda proba polo recoñecido ingrato papel que compre aos compiladores.

Recibide unha aperta solidaria e unha felicitación moi particular pola vosa iniciativa

Saúde e República




PREGUNTAS PARA LLE FACER EN ALTA VOZ A FEDERICO GARCÍA LORCA, IRMÁN

Ai Federico García! Ai Federico! Que te apartou da angra acolledora da túa estirpe? Como fuches acubillar no tobo da ignominia? Que te levou a rexeitar o fío vermello que Ariadna te tendera? Que te levou a Granada?

Di, Federico García. Que estraño sino te fixo confiar en Minotauro? Cantas noites de lúa para distinguir o urro da quimera do canto das sereas? De onde agromou a furia ancestral que rachou a xeometría do teu corpo?

Ai Federico García! Ai Federico! Que se sinte cando os fusís percuten nas túas costas? Que cando as balas laceran a túa pel de óleo e caramelo? Que logo do estoupido, do reverso da razón, da vértebra que secciona o centro e as cisternas? Que te esperaba logo do golpe inmóbil, do sangue as gurgulladas?

Di, Federico García, cos teus versos inzados de romeiro e de xasmíns, de reflexos e luares, de sangre e caraveis: A que ule a incandescencia do corpo queimado pola pólvora? A que cheira a traizón dos ben amados?

Eu quixera saber, Federico, sabes, Federico, a opacidade do diamante, o voo do colibrí, as imaxes que pasaron tras das pálpebras. Eu quixera saber, Federico, que paixóns, que escrituras, que delicias gardabas nas gabetas do cerebro?

Eu quixera saber, ai Federico! Eu quixera saber, mais é tarde.


Xavier Queipo

Bruxelas, 15 Setembro 2006