ARENGA ACUÁTICA

download pdf

Xavier Queipo

 

Benvidos todos, compañeiros e compañeiras solidarios, navegantes sen fronteiras. Aquí estamos reunidos peixes dos catro cantos de Europa. Pescadas da Galiza e chicharros do Golfo de Biscaia, salmonetes da Italia e luras de Portugal, bacallaos do Mar do Norte e anguías do Mar Báltico, lampugas de Cataluña e salmóns dos ríos de Irlanda, troitas parisienses e carpas do botánico madrileño, arenques dos fiordes e sardiñas das rías, vieiras da terra amiga da Bretaña e camaróns de Frisia, e lanzóns, e maragotas, e peixes migradores de outras terras, que aquí viven e se crían.

Estamos para defende-lo territorio común do océano, para clamar pola inxustiza do tratamento recibido, para difundir polas ondas do Mar de Bélxica a escuma fértil das nosas reivindicacións, das nosas ansias e ilusións de peixes libres e autónomos. Estamos para berrar ben alto a nosa disidencia de cardume, para urxir ós poderes públicos a que tomen medidas inmediatas para elimina-lo fuel que aínda queda no pecio do Prestige e nos fondos mariños de Galiza. É a nosa casa. Esta suxa. Non podemos esperar un ano máis!

Estamos tamén para expresa-la nosa decepción pola timidez das resolucións adoptadas polo Parlamento Europeo, para pedir que se prohiba, xa dunha vez o tráfico de petroleiros monocasco. Non so polas nosas augas, senón por tódolos océanos do mundo. Queremos para nós, peixes europeos, o que queremos para as sardiñas xaponesas e os alabotes de Alasca, para as pescadas austrais e para os peixes de xeo, para os pinguíns da Antártida e para as lagostas do Caribe.

Non chegamos en son de guerra, que tanto aborrecémo-lo petróleo derramado como a violencia arrogante dos poderosos. Nin vimos mesmo con ansias de vinganza ou destrucción. Non é esa a nosa natureza. Vimos convencer, facer soa-lo roncón do noso desacordo, molla-la palleta coa nosa certeza salgada e marítima. Vimos na procura de osíxeno e aire fresco. Vimos falar e confrontar ideas, nesa experiencia necesaria do coloquio entre iguais. Vimos expresar ben alto a nosa razón de ser e vimos tamén, compañeiros e compañeiras húmidos, falar no galego mollado do latín en po, que entrecruza linguas, que absorbe palabras e xiros, ritmos e cadencias.

Vimos, na fin, face-la festa, cantar e rir, beber unhas cervexas e bailar sen descanso, vimos fuma-la herba da risa e coñecer xente no mellor e máis plácido dos sentidos.  E pasada a noite imos regresar satisfeitos ós nosos lares respectivos, cos ánimos inzados de esperanza.

Pero antes diso, antes de dar paso á festa sen límite, berremos pois, compañeiros e compañeiras con aletas, co ánimo presto e coa seguridade de que o futuro nos pertence, a nosa razón de ser peixes libres e autónomos: ¡Nunca Máis!

Comunicado final da marcha ¡Nunca Mais! De 14 de Xuño do 2003.