Deconstruíndo Rosalía

download pdf

 

  • Glosario

Lingua. Escoller a lingua que ninguén quería. Pracer antípoda de quen descobre o vasto territorio sen cancelas. Verbas que fenden a rocha facendo abrollar ríos de auga límpida. Escuro tremor onde resoa a fala dos malpocados sen fortuna.

Escrita. Memoria da tinta que segue o regueiro que marca o pulso. Esencia de vida que flúe, que empapa, que descifra a realidade e os soños na caligrafía. Sombra que dá luz sobre o papel espido.

Ollada. Vaga recordación agochada tras dos ollos nos días sen luz. Monotonía de invernos de brumas e friaxe. Mariñeiros cegos, ávidos do reflexo nesa linde que divide ceo e mar. Fiestra aberta ás dúbidas.

Inxustiza. Costas dobradas polo traballo escravo. Velas latinas no solpor do río. Nais que entolecen na alborada, exhaustas de xermolos abortados pola fame. Agulla fría no corazón descarnado. Voces que resoan en pesadelos nocturnos.

Consciencia. Dar conta da vida daqueles que non contan. Sometida ao silencio estoupa a carraxe nunha primavera de abraio e de denuncia. Memoria de todas as miserias dun pobo en desbandada, condenado á extinción ou á derrota.

Herdanza. Fío que desanda o labirinto tecido polos bárbaros. Fío que descobre os carreiros entre o millo e os camiños do mar. Fío que percorre o tempo en espiral, que agarda o desvendamento dos secretos. Persistencia da dúbida.

Sar. Río nutricio de veigas e palabras. Fita que entre dúas bandas debulla a sabedoría acamada nos residuos. Fluxo magmático sobre augas inzadas de troitas e lampreas. Trazas do paso dos teus beizos pola enchente que asolaga as terras.

Padrón. Refuxio umbilical por onde respira o mundo. Cerne de paixóns e de delirios. Pobo asolagado polos ríos que converxen. Físgoa onde se coan as verbas tristes, rescatadas do esquecemento e a negación do propio.

Soidade. Cárcere onde se debullan os días sen amor, as noites sen sosego, as alboradas frías. Bágoas de xeo facendo arder as meixelas nas tardes de outono e despedidas. Campás que soan e resoan delimitando a rutina das estacións.

Amor. Cravo fondo que fai manar o fluído das ausencias. Esperanza na ledicia do reencontro. Ventre descarnado por un coitelo invisíbel. Quen tiña a chave do teu corazón ardente?

Toliña. Extremo desamparo e soidade. O entendemento flutuando nun mar de somnolencias, de atordamentos, nas lindes da loucura. Luces descoñecidas e pavorosas varrendo as sombras con magnífica vontade. Vagalume.

Océano. Homes con escamas e mulleres con guerlas. Barco de tolos na procura de fortuna. A incesante inquietude do mar. Ir e vir de ondas e mareas.Camiños que levan a lugares incertos, de rúas lousadas con panos de ouro.

 

  • Argumentos

Escoller a lingua que ninguén quería para explicar o mundo coa ollada limpa e altruísta. Ondada que na preamar aloumiña a fouce do río. Memoria de todos nós, un a un, estirpe de servos viaxeiros.

Escoller a lingua que ninguén quería para vencer a indiferenza dos altivos. Agarimala no berce dos teus beizos ata que acougue e medre autónoma. Teimosa claridade. Espazo ardente.

Escoller a lingua que ninguén quería para rescatala da ignominia. Querela como parte de ti, como esencia do teu ser destilado nos poemas. Olla como racharon as pálpebras de tanto chorar!

Escoller a lingua que ninguén quería para devolvela viva e latexante. Vizosa cal xardín inzado de roseiras sen espiñas. Viva e renovada. Levada polo mundo nas alforxas dos irmáns.

Escoller a lingua que ninguén quería para dar testemuño de existencia, de razón de ser, de marabilla. Paixón que sacode no tremedal dos teus versos feros. Faiado da memoria.

Escoller a lingua que ninguén quería para ser ti mesma sen arestas. Dar conta da vida dos que contigo son, dos que ti queres. Dar conta do tempo acamado nas idades.

Escoller a lingua que ninguén quería para dar herdanza de futuro. Escuro tremor onde resoa o verbo dos malpocados sen fortuna. Dar vida e esperanza.

Escoller a lingua que ninguén quería. Que coraxe! Que loucura! Que linda melodía nas tardes inzadas de aloumiños.

 

  • Corolario

Vida nova. Soños renovados. Bálsamo para continuar soñando. Escoller a lingua que ninguén quería!


Xavier Queipo

Bruxelas, Marzo de 2009