O TABÚ E AS RELACIÓNS

download pdf

Y contra marea y viento
remaré. Hasta la otra orilla...

(Severo SARDUY, “Un testigo perenne y dilatado”)


Presentación

Cando me propuxeron o tema desta disertación o primeiro que pensei é que ía falar exclusivamente do incesto como tabú universal, das súas orixes e explicacións varias e que, partindo de Freud, camiñaría da man dos antropólogos máis recoñecidos como Malinowski, Levi-Strauss ou Marvin Harris. Foi na fin de semana pasada, lendo o xornal nunha cafetaría de Bruxelas cando pasei a vista sobre as noticias internacionais e un congreso sobre a Sida celebrado recentemente en Toronto. Daquela relacionei a enfermidade con un par de tabús, o do uso do preservativo, aínda vixente en algúns lugares de África como na illa de Zánzibar ou o tabú da homosexualidade, que malia as modificacións lexislativas acontecidas en varios estados, nomeadamente no Estado español, continúa vixente na nosa sociedade occidental e noutras sociedades máis ou menos afastadas do noso sistema de valores. Vixente na moral dupla, na hipocrisía, nas frases feitas, na agresividade tantas veces sentida. Pensei, entón, que o que de min se esperaba non era unha lección de antropoloxía cultural, senón, se cadra, algo máis literario, xa que dunha reunión de escritores se trataba e non dun deses simposios umbilicais, de antropoloxía ou de botánica, de teoría de cordas ou de nanotecnoloxía. Chegando á casa –chovía e iso sempre axuda- escribín estas notas se cadra algo inconexas, produto desa reflexión inicial sobre un dos tabús modernos, a lepra da fin do século XX. De aí fun tirando dun fío ata dar co centro do Labirinto. Agora estou aquí, escribindo, facéndome preguntas a min mesmo, na espera de Godot, na espera de atopar o fío de Ariadna.

 

Clasificación (hipotética) dos tabús de relación

A miña formación científica adoita agromar nestas ocasións e procuro establecer unha clasificación, un guión inicial, unha división en clases ou tipoloxías que me axude a arrincar. Despois, sígoas ao pé da letra ou exploro outras vías, segundo camiños non sempre certos, entrando nunha espiral de causalidades ou magnificando un punto para esquecer outros. A clasificación dáme seguridade para comezar, mesmo que sexa, como neste caso, unha clasificación empírica e de colleita propia, que podería ser desarmada por calquera académico que teña as ciencias sociais como disciplina privilexiada. Moitos, senón todos estes tipos de tabús teñen que ver coa relixión, coa idea de tótem, de negación ou ofensa ao sagrado, algúns directa e outros indirectamente, a través de crenzas empíricas relativas a supervivencia e continuidade da especie ou á descrición do sexo como persecución ou posesión.

Propoño, pois, a seguinte clasificación, que me vai servir de guión:

  • De plano espiritual: a relación con Deus e cos antepasados

  • De iniciación: o contacto físico e as palabras que non se pronuncian

  • De liña parental Incesto de 1° e 2° grado

  • De número: máis de dous, ruptura do tabú

  • De lugar: na cama do casal, na cama dos pais, nos lugares sagrados, no mar...

  • De especie: animais, vampiros, lobishomes, posuídos...

  • De tempo: na corentena do puerperio, nas festas de gardar vixilia e abstinencia, na idade prepúber ou entre individuos de idades moi disimiles.


Permitiredes un variado rexistro segundo os capítulos, entre a experiencia persoal, cando está pode ser expresada sen rubor, a reflexión en alta voz baseada en lecturas ou observacións propias ou a recreación fantástica seguindo o meu instinto básico de escritor.

 

Tabú de plano espiritual: a relación con Deus e cos antepasados

A relación mística é sempre ollada con sospeita ou como herexía segundo os casos. A unión mística está en moitas ocasións próxima á sexualidade e moi en particular ao orgasmo, e a negación do tabú é sempre a primeira reacción. En certas relixións non é posíbel pronunciar o nome do Deus, pois se entende como un exceso na intimidade, como unha negación do tótem, que está na orixe do tabú como nos aprenden os antropólogos.

Pensando no cinema, quen non ve na posesión dun corpo por un demo, como no caso do filme “The exorcist”, a ruptura do tabú elemental, o do respecto ao tótem, por negación do mesmo, por alianza co seu contrario, quen lle dá sentido e quen lle nega submisión.

A relación cos espíritos, cos antepasados ten unha importancia capital nas manifestacións relixiosas orientais, aquelas ligadas ao budismo ou ao taoísmo, onde se lles rende respecto como se de divindades se tratase. Tamén acontece na nosa sociedade. A miña relación cos antepasados cuxo nome estaba varrido da memoria familiar constituía un tipo moi especial de prohibición e reafirmaba a miña conciencia de neno interrogador e inconformista. Había que falar de todo, nomear a todos os membros do clan e, se así non fose, explicar as razóns de porque non se facía, porque se lles condenaba ao duplo ostracismo da morte e do esquecemento. Iso non entraba na miña cabeza. Cos anos souben que non se falaba deles porque se deran morte pola propia man (o tabú do suicidio, da violencia extrema, da negación da esperanza, da negación do sagrado) ou emigraran para non regresar, expulsados do clan ou da familia polo seu comportamento ou as súas ideas (A Guerra Civil e a súa resaca de silencios), que morreran no monte acosados como lobos (a guerrilla e o tabú da fractura familiar), silenciados polo seu sufrimento indicíbel (mortos de enfermidades vergonzosas ou descoñecidas, logo dunha estadía nos trópicos). A transgresión será contar as súas vidas, recrealas, darlles nome e imaxe coa palabra escrita. Algún día fareino. Iso espero.

 

Tabú de iniciación: contacto físico e tabú das palabras

Se cadra a primeira memoria que teño do prohibido se refire ao tacto e, xa despois, ás palabras. As cousas ou as persoas que non se podían tocar e as palabras que non se podían pronunciar. Son lembranzas tristes, de prohibicións incomprensíbeis, de maiores que non razoaban, que repetían verdades como mantras salutíferos. As cousas eran así desde sempre, desde que o mundo era mundo e non se podía tocar aos pobres ou os enfermos, aos descoñecidos en xeral e menos que nada aos xitanos, que na miña nenez era a etnia alternativa, a estranxeira a nós, a que nos producía medo. Había palabras que non se podían pronunciar, que eran pecado ou mostra de mala educación. Todos, supoño, pasamos por esa experiencia incomprensíbel. Cos anos aprendemos a técnica do eufemismo, de dicir con palabras outras aquilo que non se podía pronunciar.

Tabú de liña parental: o caso do incesto

O incesto constitúe o que se podería chamar un tabú universal. Levi-Strauss chega a dicir1 que a prohibición do incesto é o paso fundamental polo que se dá o tránsito entre a natureza e a cultura.

Hai quen pense2 que as sociedades escolleran o tabú do incesto como unha estratexia para incrementar as súas posibilidades de supervivencia. Incesto e exogamia terían así unha razón concomitante xustificada polo que en xenética de poboacións se coñece como o “vigor do híbrido”.

Hai que sosteña3, en contra do que suxerise Freud , que as pulsións sexuais entre individuos que medraran xuntos son menores. Westermack ven dicir que os humanos aprenden as pulsións sexuais como agresivas4, sendo a agresividade contraria á harmonía familiar. Consecuencia diso é a primacía da exogamia, de xuntarse con aqueles aos que se combate, cos que están fóra do clan ou da liña parental.5

Hai autores que distinguen entre incestos de primeiro grado, cando estes se dan dentro da familia nuclear e os de segundo grado, cando inclúen á familia estendida coa que se entrou en contacto por medio da unión dun dos membros da familia A coa familia B (por exemplo cando se dan relacións sexuais entre un individuo e a muller do seu irmán). Estes casos de incestos de segundo grado son menos universais como tabús. Mesmo nalgunhas sociedade a viúva está obrigada a se casar cun irmán do defunto.

 

Tabú de número

Mesmo nas sociedades onde poliandria e polixinea se permiten (nunca son a norma, por razóns económicas ou de equilibrio numérico entre os sexos) as relacións sexuais con máis dunha persoa ao mesmo tempo non están recoñecidas como naturais e se consideran tabú. Que isto non é natural senón unha convención social o ilustra o feito de que nas fantasías sexuais de moitos varóns heterosexuais está o facer o amor con dúas mulleres ao unísono, de aí a proliferación de filmes pornográficos que recrean este desexo reprimido ou a frecuencia coa que se demandan estes servizos duplos nas casas de prostitución. É curiosamente nalgunhas parellas homosexuais masculinas (non teño noticia de que isto se dea entre mulleres e sei que acontece con parellas heterosexuais, pero en menor proporción) onde se produce unha transgresión dupla, unha ruptura radical co tabú. É na práctica dos tríos. En troques de afrontar cada quén a “infidelidade” polo seu lado (entendida como ruptura dun pacto de lealdade) os dous membros da parella saen ligar xuntos, compartindo experiencia cun terceiro.

Entre as lembranzas que chegan do meu período de iniciación sexual na aldea, está a practica da masturbación en grupo. Ben que cada quen o facía no seu cantiño, formando un círculo cos outros rapaces, non estaba permitido, baixo pena de lapidación e posterior ostracismo, ter contacto táctil con ningún dos outros compañeiros de cerimonia. Unha transgresión do tabú, dupla tamén, pois as predicas da igrexa prometían o inferno e a degradación da saúde para aqueles que se deran a semellantes prácticas (tabú da masturbación, do hedonismo, do desperdicio da semente reservada para a procreación) e ao mesmo tempo se facía en público (tabú da exposición, do exhibicionismo), ben que fose practicada en grupos reducidos e unidos por lazos de pertenza a unha comunidade máis ou menos pechada (o clan). Se cadra non era unha transgresión consciente, senón unha iniciación na sexualidade que intentaba integrar na idade adolescente aos membros menos espelidos do grupo ou que como tantas veces acontece cos homes, establecía unha compoñente de rivalidade entre os mozos (rivalidade errada, pois se trataba de conseguir a emisión da semente no menor tempo posíbel, que a experiencia acumulada demostra que é o menos pracenteiro)

 

Tabú de lugar

Supoño que a lista de lugares terá moto que ver coa cultura e as circunstancias de cada quén , mais vou relatar con brevidade algunhas experiencias propias, máis resultado dun feeling, dunha percepción, que de un costume aprendido. Se cadra foi iso, unha percepción, ou o resultado dalgunhas imaxes captadas no cinema ou rescatadas da memoria dalgún comentario escoitado algures e que se instaurou nos labirintos eléctricos da memoria. O certo é que a primeira vez que fixen o amor na casa dos meus pais (eles nunca souberon) en troques de procurar a súa cama, que era máis ancha e máis dada logo para xogos ximnásticos, conformeime co meu catre, moito máis reducido nas súas dimensións. Había alí un tabú, unha consideración do lugar como sagrado, como imaxe paradoxal do tótem amado e odiado (todos pasamos por esas xeiras de amor/odio parental). Co tempo, ese tabú estendeuse, por certo, ao leito da parella.

No mesmo senso deseguida entendín que facer o amor en lugares sagrados era tamén tabú, fosen estes os da relixión dominante no meu entorno, nun monumento megalítico, ou na foresta sagrada de Kolotialá, na África central6.
Cando as circunstancias da vida me levaron a vivir longas temporadas no mar aprendín a deixar aberta a porta do camarote para evitar a sospeita de que algo prohibido estaba acontecendo tras da porta.

 

Tabú de especie

Quen non sospeitou algunha vez que algún tipo de animais de compaña compartían co seu dono ou dona algo máis que unha terna amizade, que se converteran en parceiros sexuais. Quen lendo un clásico como Drácula, de Bram Stocker ou un libro da saga de Anne Rice, ou vendo un filme de vampiros, se cadra o paradigma contemporáneo sexa "Interview with a vampire”, baseado nun libro da propia Anne Rice, non pensou tamén na transgresión da norma, na ruptura do tabú, cando se insinuaban relacións entre os señores da noite e os obxectos do seu desexo, fosen estes do mesmo ou doutro sexo, e seguindo co cinema, “La Belle et la Bête”, de Jean Cocteau revélase coma un filme transgresor, do mesmo xeito que o é Nacked Lunch, ese filme de culto construído a partir dun desacougante relato de William S. Burroughs, membro da “beat generation”.

Os casos na literatura e no cinema son ben abundantes, algúns máis explícitos que outros, pero todos reveladores do interese e do misterio que envolve ás relacións entre especies, coñecidas no reino animal onde se dá o caso de hibridación entre especies ou nas fantasías da ciencia ficción onde son frecuentes as referencias á unión entre especies de planetas e galaxias diferentes, como adoita suceder na saga de Star Trek.

 

Tabú de tempo

O tempo, entendido na súa vertente dupla de idade ou de período especial na vida do ego, do suxeito. Son ben coñecidos os costumes que se dan na nosa cultura, mais tamén noutras, da negación das relacións de parella no puerperio ou corentena que as mulleres sofren logo de dar a luz. En certas culturas, mantense dalgún xeito o tabú mais se permite a transgresión polo home, que pode ter relacións con outras mulleres cando a súa parella está en corentena. Se de prohibición específica de tempo ou estación falamos, a Igrexa católica está tamén na orixe da prohibición de manter relacións sexuais perante a Coresma e aínda en outras festividades do ano relixioso.

O sexo antes da idade que se veu en chamar de consentimento está totalmente vetado por non natural e potencialmente traumático. Non son infrecuentes as transgresións parciais desta norma como un certo tipo de relacións eróticas entre os nenos e os seus coidadores (masculinos ou femininos). Non son infrecuentes, tampouco, as experiencias eróticas entre crianzas do mesmo clan, cando xogan entre curmáns e descobren así un certo grado de excitación e un acordar incipiente das pulsións da libido. É se cadra un dos tabús máis universais a relación de adultos con nenos, consentido dalgún xeito dentro do núcleo familiar (as relacións incestuosas mantéñense moitas veces ocultas no seo da familia) e repudiado como a maior aberración que poida existir cando fóra da familia.

Na idade adulta, o sexo entre unha muller en idade non reprodutiva e un home novo é considerado tabú por moitas culturas, entre elas a nosa. A explicación biolóxica estaría no feito de a poboación perder un reprodutor que plantaría a súa semente en terreo hermo.

 

A transgresión. O exemplo do mito recreado de Teseo e o labirinto dos desexos

E se a evolución do home como especie e como individuo non fose senón a superación dos tabús, a negación do tótem, a negación do sagrado, do intocábel, do inexplicábel? E se a función da literatura non fose outra que comprender o mundo, que explicalo? Non estamos todos, se cadra, nesa procura constante? Non é por iso mesmo, due to that permanent quest, que non podemos vivir sen escribir, sen intentar explicar o mundo, o noso e o dos outros, non é por iso, due to that permanent quest, que persistimos na procura do que Cortázar chamaba “El otro lado”?

O “outro lado” estaría na transgresión, do que se cree e do que non, do que nos intriga ou nos abraia. Das tres transgresións que sinalaba Bataille7 (o propio pensamento, o erotismo e a morte) só unha subsiste con toda a súa forza. Blasfemia, homosexualidade, sadismo, masoquismo, incesto e morte son transgresións relativamente toleradas. O único que a burguesía non soporta é a idea de que o pensamento poda pensar sobre o pensamento, de que a linguaxe poda falar da linguaxe, de que un autor non escriba sobre algo senón que escriba algo como propuña Joyce.

Se o sagrado é a fusión co contrario, o Yin co Yang. O Yin principio da sombra, do frío, da feminidade, que invita aos seres ao repouso, á pasividade; o Yang, principio da luz, da calor, da masculinidade, incítaos ao despregue de enerxías, a actividade e aínda á agresividade. Antes da abolición definitiva dos contrarios, só a transgresión crea o paso entre unha esfera e a outra.

O sadismo, por poñer un exemplo tan caro a Severo Sarduy, un dos meus autores esquecidos favoritos, sería a afirmación, no nivel da práctica, do duelo. Coa retórica da atadura, a agresividade sádica sería a afirmación do “outro” como pura pasividade, como yin absoluto. A retórica da atadura, do nó, do ritual e as posicións mil veces ensaiadas, privan ao “outro” e, por contraste, restitúen ao sádico o seu total arbitrio, devólveno ao estado inicial do seu absoluto posíbel, libérano, “desátano”.

Imos entrar no eido sempre esvaradío da mitoloxía, que se supón dalgún xeito a orixe dos tótems e por tanto dos seus contrarios, os tabús. Non hai se cadra mito máis recoñecíbel no Occidente que o do labirinto de Creta, o do confronto entre o heroe Teseo e o vilán Minotauro. No labirinto condénsanse varios tabús. Imos por partes. Está o da relación de homes con animais, que non é senón un caso particular de duplicidade, de negación de unión dos contrarios (a bela e a besta), neste caso o belo e o besta. Está ao mesmo tempo a negación da unión dos iguais (o heroe vingador, neste caso Teseo e o macho que rompera o tabú da violencia co asasinato, neste caso Minotauro). Está tamén o tabú da incomunicación que sofre Minotauro condenado ao ostracismo, a vivir recluído, a non utilizar outra linguaxe que o seu urro ancestral. Así, a mitoloxía pódese entender coma a orixe dalgúns dos tabús case universais: o do bestialismo, o da homosexualidade, o do asasinato, o da exclusión que condena aos traidores, aos enfermos, aos apestados. Como procurar, logo, o fío de Ariadna que nos vai dar a solución para saír vivos e renovados do labirinto? Como non o procurar? Se cadra o fío vermello é o fío do sangue, o das pulsións máis primarias, o que nos vai afastar da nosa condición animal e nos achegar á nosa condición humana.

Deixádeme, pois que ensaie unha transgresión, que modifique a historia contada, que modifique o mito, que recree o labirinto como eu o vexo, que non escape á tentación de crear o maior dos tabús, un mundo paralelo.

 

(NOSTALXIA DO) LABIRINTO; prosopoema


I. Da esfera media, coma dun cocoon xerminal, xurde a imaxe reflectida de Minotauro que, enfastiada, se abeira ás paredes do labirinto. Tras da sombra asoma a cabeza poderosa, de cornana macho e mandíbulas inmensas, de fociño adiantado e orellas semoventes. Logo da cachola bovina, de uro ancestral ou de quimera sublime, aparece o corpo de cachimán ilustrado, vestido coas mellores sedas traídas do Oriente, de quen debulla nun curruncho a xelatina dos días. Leva un rolo de papel na man e del vai declamando mantras, sutras e sentencias extraídas dos tratados dos nove sabios de Persia.

 

II. Da montaña de lume en que se convertera o monte Ártabro descende pola Fraga de Robelle, entre faias e sanguiños, a princesa Ariadna. Vai camiño dos xardíns do Palacio Inventado de Iós, na procura do Labirinto dos Segredos. Trae na man un nobelo de la tinguida de vermello, que vai desenrolando no tránsito accidentado polo chan das venelas, que do alto da fraga levan ata as beiras do Río dos Adeuses. En chegando, olla angustiada para todos lados, na procura de Teseo vingador, que con brados de xenreira escritos a lume e ferro nas verbas incendiarias do mensaxeiro, anunciara a súa chegada inminente.

 

III. Abríndose paso entre a ramallada que invade a canle do río, chega Teseo nunha balsa de troncos. Manexa con habelencia a pértega na proa, mentres na popa un seu servinte, Aleofane, sostén a cana do leme, seguindo en todo as instrucións do seu amo. Fita Teseo á bela Ariadna, e os ollos inxectados en sangue semellan queimar o aire que os separa. Berra en arroutado son acordando píntegas e ras, facendo fuxir anguías e lubións, asustando ouriolos, lavandeiras e pardais. Xura contra todo e contra todos, ensarillando ameazas coma quen ensarilla doas nun colar de odios. Ao cabo, descende batuxando na auga. Pon un pé no abanqueiro e a terra treme, arrepiada nos seus alicerces pola forza inmensa do titán.


IV. Do labirinto xurde un brado de resposta: inintelixíbel, gaguexado, de gorxa entupida de flegmas e coágulos. Nas bancadas do Río dos Adeuses hai un silencio espeso, de cruce de olladas asustadoras, de faíscas de seixo contra seixo. A rodela na man esquerda, a espada refulxente na dereita, Teseo rexeita o nobelo que Ariadna lle tendera. Con brusquidade mil veces ensaiada turra dos seus cabelos e dá con ela na area da ribeira. Do labirinto chega agora un urro arrepiante, de aire retumbando nun padal en oxiva. Ariadna, vendo partir a Teseo, arreponse con maneiras de heroína.

 

V. Asentando o helmo e a celada, protexidos os pulsos polos brazaletes de prata, que como talismán lle agasallaran uns magos de Anatolia, de espada e afouteza armado, Teseo penetra nos corredores do Labirinto dos Segredos. Ariadna, unha vez máis, impetra que lle acepte o nobelo, que lle ha dar a chave da saída. Teseo rexeita o agasallo renovando os insultos para a moza, que non entende que acontece: Quen é aquel Teseo tan estraño que quere, ou quixo, ou vai querer, mudar a historia que tantas veces lle contaran as sabias que falaran do seu destino de portadora do fío?

 

VI. Mentres, Minotauro senta no chan agarrando da gorxa, que sangra abondosa e pulsátil. Escóitanse pasos que avanzan no lousado. Un ser alado, un peng ou un ave roc, de poutas lacerantes e bico curvado e inmenso, ergue o voo entre centos de aves preeiras, que enchen o aire en balbordo de grallas e confusión de voos e de plumas. Embaixo, nas edras, alguén, se cadra a Serpe das Fontes do Destino, foi deixando sinais que conducirán os pasos de Teseo ata a cerna da esfera, onde se refuxia Minotauro, quimera sublime.

 

VII. Un fito na historia non contada dos heroes e os titáns. Non máis ver o que acontece, levado pola piedade ancestral dos elixidos, Teseo acode de Minotauro na axuda, que este recibe entre saloucos e agarimos. Fóra, na Fraga de Robelle, nos xardíns do Palacio Inventado de Iós, rexeitada de todos e perdida na incomprensión e na saudade do que non foi, Ariadna perde o gusto pola vida e, apampada, comeza a recitar cantigas de rapazas e de escola. No Labirinto dos Segredos, xurde na fin o amor entre os estraños, de razas e de estirpes tan dispares. A historia fai un rizo sobre si propia e non é como a contaron, senón distinta.


Ata aquí unha pequena transgresión do mito do labirinto, onde asasinato (a ave que ataca a Minotauro), bestialismo (amor erótico entre home e touro), violencia (Teseo rexeitando Ariadna), homosexualidade (agarimos entre Teso e Minotauro), existencia dunha quimera (entendida como colaxe animal), rachan as convencións e expanden as fronteiras da liberdade individual.

Comprobarían ata aquí que en moitas ocasión evitei referencias explícitas aos órganos sexuais, a situacións específicas, entrando o menos posíbel na descrición de termos considerados tabú, palabras que non se deben pronunciar se queremos manter as formas. Esas palabras tabú, que existen, que corresponden a unha realidade, que expresan tantas veces un desexo, foran suprimidas voluntariamente, ás veces mesmo dun xeito algo forzado, por eufemismos, esa dura aprendizaxe da lingua hipócrita (parafraseando a Levi-Strauss o tránsito entre a natureza e a cultura).

En chegando aquí dinme de conta que esquecín algúns tabús de relación ben coñecidos de todos: a profanación de cadáveres, a tortura, , o voyeurismo, moi en particular aquel que se refire á observación do acto sexual entre os próximos, e mesmo aqueles de relación con un mesmo como a esquizofrenia. A miña intención non era totalizadora (citalos todos, definir o universo por extensión) senón tratar de entendelos, de definir clases e categorías, aportando algúns exemplos paradigmáticos (definir, porén, o universo por comprensión). Non sei se o conseguín.

Da miña parte nada máis, despídome co desexo de que, se así fora de gusto, transgridan os seus tabús e sexan felices e diferentes. Moitas grazas.


Bruxelas, 7 de Setembro de 2006

Correxido o 12 de Setembro 2006

1 Levi-Strauss, C; “Les structures élémentaires de la parenté”, Paris, Mouton, 1967

2 Arens, A; “The original sin: incest and its meaning”; Oxford University Press, 1986

3 Westermack E; Historie du mariage, Tome VI: Les théories de l’inceste, les bases biologiques du mariage, trad. Fr.,Paris, Payot, 1945

4 Non é infrecuente escoitar expresións que refiren aos homes como cazadores de mulleres e a estas como devoradoras de homes.

5 Resulta curiosa esta identificación entre sexo e violencia. Os mestres xaponeses insisten que os haikus se centren na celebración da harmonía da natureza, desaconsellando que falen de violencia, incluíndo o amor como unha forma de violencia.

6 Perrigault, Jean ; L’enfer des noires (cannibalisme et fétichisme dans la brousse ; Nouvelle librairie française, Paris, 1932.

7 Citado por Severo Sarduy en Escrito sobre un cuerpo, en Obras completas, tomo II; ALLCA XX / Ediciones UNESCO, Madrid 1999.