Vivir nas árbores

download pdf

 

Hoxe durante a sesta reparadora, visitoume aquela personaxe entrañábel de Italo Calvino, o barón rampante, que logo dunha disputa familiar por non querer comer caracois e a tenra idade de doce anos, decidiu vivir o resto da súa vida nas árbores e dende alí escribir as súas ideas utópicas. A novela de Italo Calvino está ambientada no século XVIII, o que lle permite ao protagonista viaxar de árbore en árbore. Se cadra isto é unha esaxeración, mais o que é ben certo é que hoxe o medio ambiente sufriu tan grande desfeita, que ao barón rampante lle custaría traballo distinguir se está neste planeta ou noutro.

Levado ao terreo galego: campos íngremos; bosques de especies invasoras; montañas enteiras co solo fértil varrido polos incendios e as posteriores chuvias; ríos con troitas mutantes, que deixan nas cheas un ronsel de plásticos pendurados das pólas do ameneiros; praias con fuel agochado baixo a area; rías enteiras baixo sospeita de contaminación perigosa; peixes con niveis de metais pesados que fan o seu consumo desaconsellábel para nenos e mulleres grávidas; epidemias de sobrepeso, de ansiedade, de medo…

Dificilmente poderemos avanzar cara a un sistema máis equilibrado se non damos un xiro radical ao nosa maneira de ser e de pensar. Non se trata de ser de esquerdas ou dereitas, nacionalistas ou asimilados (tantas veces cos mesmos erros cometidos neste eido), senón que é necesario pensar en termos de equilibrio, de ecosistema, de fluxo de forzas e compoñentes, de biodiversidade, por suposto, máis tamén de todas aquelas variábeis que configuran as relacións da nosa especie coa natureza.

A procura do centro de gravidade pasa pola identificación do noso lugar de equilibrio. Individual e colectivamente. Non chega, pois con crear zonas protexidas para preservar esta ou estoutra especie, pois de nada servirán se están cercadas polo poder esmagador da sociedade de consumo, da produtividade como medida, da sen razón que se opón á evidencia do cambio climático.

Cando unha imaxe acode á memoria un non sempre ten a certeza de que é o que significa. Neste caso coido que o barón rampante me visitou para falar de utopía. En Galiza, no noso pequeno país sen estado, a utopía será, con certeza, vivir nas árbores, é dicir, soñar cadaquén a nosa propia utopía e, tamén, por qué non? a utopía colectiva e dedicarlle ao empeño as forzas coas que a nosa natureza nos agasallou.  Noutras palabras, que cadaquén atope o seu centro de gravidade e que o atopemos tamén como comunidade.

Xavier Queipo
Vigo, Xullo 2011