O tremor dos nenúfares

download pdf

É noite de verán. Estou lonxe da terra. Sentado diante do lago observo a danza dos cisnes e o tremor dos nenúfares. Na distancia, a auga canta unha e outra vez o seu breviario de sons. Penso na terra, nos meus, na distancia. Lembro aquela frase de Otero nun dos seus relatos maiúsculos: “Sempre será así a miña Galiza? Terei que refuxiarme no narcisismo e na torre de marfím?” Regresa o sabor acre das noites de verán que inunda o padal. Como dun palimpsesto xurde a dúbida existencial: Haberá solución a este desastre presentido, a esta crónica insidiosa da morte anunciada? Non sei, é difícil predicir o que o tempo traerá, mais as nubes da ignominia cobren xa boa parte da nosa xeografía.

De qué falo? Pois da corrupción rampante, asustadora, da folga do lixo en Lugo, das ondadas de roubos no rural e de violencia nas cidades, da negación permanente da esencia de noso, da traizón sen ambaxes dos que se empoleiraron no poder e toman o país como unha finca privativa ou, peor aínda, como casa de baño onde facer augas maiores e menores, dos que minten con reiteración e con cadencia de mambo, dos que ven na pobreza dos máis oportunidade para facer medrar os seus negocios, dos que enchufan, dos que prevarican, dos que toman o cento por un, dos que prefiren a inxustiza á desorde.

Falo deles e falo de todos nós –eu incluído- que sediamos nun país que se desangra polos pulsos, que perde enxurradas de homes e mulleres novos que parten para ese exterminio da razón que é a emigración masiva, de aqueles que, afastados da cerna do ser común, procuran imitar o peor que noutras sociedades existe na procura, tal vez, dunha modernidade que non pode ser imitación, que non pode ser mimetismo nin submisión.

Estou triste, isto é evidencia certa. Estouno por nós, por vós e por min, que seguimos bandeirantes e rexeitamos o pensamento libre, o albedrío, a capacidade de ser e decidir, que vivimos anestesiados polo medo ou pola negación das nosas esencias, do noso ser, que nos comportamos coma se tiveramos unha enfermidade autoinmune colectiva (A síndrome de Crohn, a colite ulcerosa, a espondilite anquilosante, por poñer tres exemplos dolorosos) na que o corpo, o propio corpo, non recoñece como súas as células do intestino do tecido conectivo ou das articulacións, e daquela dirixe ataques cirúrxicos contra a súa propia estirpe. De que outro xeito podemos entender un goberno que nega a malnutrición infantil (eses meniños nosos que chegan en xaxún ás frías aulas da escola), que malvende as entidades financeiras que arquitectaron os nosos aforros, que estimula a educación castradora (a separación por sexos no ensino é antesala da separación en clases de poder e, por tanto, da desigualdade e do futuro maltrato), que retira recursos da sanidade universal, da educación pública, do coidado social... De que outro xeito podemos entender a praxe dunha oposición política (goberno potencial) que fica ancorada no mesmo boedo da ignominia, que dá as costas ao seu pobo e se divirte con loitas intestinas, que en contra de toda lóxica practica semellante culto ao espolio das arcas públicas, que mágoa o nome da ideoloxía que sustenta, que soterra ilusións lexítimas e proxectos de futuro. Que pensar de min, que me refuxio na torre de marfím, que lanzo diatribas e proclamas que ninguén escoita, que vivo se cadra afastado do país que comezo a desamar de a pouco a pouco, que quero peixes e non mollo o arco cóncavo (eufemismo, xa entenderon).

Estou triste, isto é evidencia certa. É noite de verán. Sentado diante do lago observo a danza dos cisnes e o tremor dos nenúfares. “Sempre será así a miña Galiza? Tremerán tamén alá os nenúfares nos lagos dos parques?

Xavier Queipo