Tolerancia?

download pdf


De cando en vez hai verbas que se atravesan no camiño e que algúns utilizamos, consciente ou inconscientemente, de mala maneira. Unha delas é, no meu caso, a verba tolerancia, que sempre considerei positiva, de comportamento leal e non refractario, se cadra por contraposta á súa negación, “intolerancia”, que eu entendín sempre negativa e de dubidosa entidade ética.

Mais como ás veces acontece, se cadra pola educación recibida, se cadra polo meu escaso aviso no que á filosofía se refire, estaba eu errado. Tolerancia é, como moitas outras verbas, polisémica, tendo, enténdase, varios significados, algúns deles referidos ao eido da ciencia, que é onde eu máis a utilicei na miña vida para falar de límites ou intervalos de tolerancia estatística, que miden, para entendérmonos, a variabilidade dun parámetro. Tamén nese eido, neste caso nas ciencias da saúde, tolerancia mide a capacidade dun organismo para soportar distintas doses dun fármaco, dun axente físico (a radiación, por exemplo) ou dun alimento. Mais na fala non científica, tolerancia úsase para avaliar o nivel de receptividade ou permisividade verbo doutras ideas, etnias ou comportamentos. Intuitivamente, cando nos deixamos levar pola dinámica dos cerebros reptiliano e límbico que nos habitan (paralelos e simultáneos ao neocórtex, o que nos define como Homínidos) isto pódese considerar positivo, mais sitúanos, cando así falamos, nunha posición de dominancia, de forza, de xuíces das ideas, estirpe ou comportamento doutras persoas, as que, como unha concesión, case como unha dádiva, admitimos malia as súas desviacións da nosa norma ética, política ou de comportamento. Para dicilo dun xeito máis directo a ninguén lle gusta que o alcumen de intolerante, e a meirande parte de nós sentimos como un galano que se refiran a nós como tolerantes.

Para mascarar/deturpar a negatividade da verba “intolerancia”, inventouse a expresión “tolerancia cero”, que semella menos negativa que “intolerancia” e que, ademais, remite ao concepto científico de parámetro medíbel o que lle confire unha aceptación crecente. Mais “tolerancia cero”, non deixa de nos situar nunha posición de dominancia, de poder de decisión sobre as actitudes e os comportamentos doutros seres, considerados, implicitamente, inferiores e os que “toleramos”.

E toda esta disquisición, que os meus amigos filósofos e filólogos considerarán, de seguro, un pouco chusca e sen método, a que raio ven? Pedirei que sexan “tolerantes” comigo e direilles que isto ven como reflexión paralela á pandemia de violencia doméstica en xeral e de violencia de xénero en particular, onde, como noutras pandemias comportamentais, todos nos sentimos coa autoridade ética de xulgar, uns concedendo certo grao de tolerancia para ese comportamento (inventando atenuantes, xustificando circunstancias), outros sendo intolerantes (e, ás veces, xulgando con parcialidade manifesta antes de coñecer as circunstancias dos feitos), e outros aínda, nunha actitude se cadra máis falsamente científica propoñendo a “tolerancia cero”, asociación de palabras que inclúe en si mesma unha contradición.

Dito todo o anterior, e aí é onde non teño resposta certa, non atino a saber que palabra utilizar no canto de “tolerancia”, pois “transixencia” e “consentimento” non me parecen mellores, nin dende o punto de vista conceptual nin no da posición de poder. Quen son eu, para conceder, como unha dádiva, carimbo de pureza ética a calquera dos meus conxéneres?

Dito todo o anterior, tamén, e referíndome agora á violencia entre sexos, é esta, ao meu parecer, unha expresión de dominación e porén de posicionamento de poder. Daquela, para contrarrestala non queda outra que revisar de punta a couce o modelo de sociedade e, porén, o modelo de dominación e poder, o que require mudar, dende os alicerces, a educación sentimental de toda unha sociedade e, para iso, requírese, se cadra infelizmente, intransixencia.

Xavier Queipo