Bernardino, o neno mariñeiro

download pdf

Hai unhas semanas agasalláronme co libro “O neno mariñeiro”, da autoría de Bernardino Graña, un libro que conta anécdotas de Elías, o alter ego de Bernardino cando novo, que fala de fame e naufraxios nunha vila mariñeira do Morrazo, onde sempre se sentían as gaivotas, onde cheiraba a pesca, a roupas de auga, a redes, e había un secadoiro de polbo e de peixe miúdo. Un libro que constitúe, ao meu parecer, máis unha crónica sentimental dunha terra e dun tempo ca unha obra de ficción literaria. Son percepcións, outros terán outras.

A lectura, coido que proveitosa, do libro de Bernardino fixo acordar en min lembranzas dun pasado propio, xa remoto. Explícome. Tería eu por volta dos once anos cando nun mes de Xullo, caloroso e longuísimo, a familia alugou unha casa na entrada de Rianxo. Foron días felices de sol e de praia, mais tamén de aprendizaxe, como corresponde a todas as etapas da vida, mais en particular as idades temperás, onde todo é abraio e descuberta.

Daqueles días en Rianxo gardo particular lembranza dun neno mariñeiro, Antón dicíanlle, que me aprendeu a coller de mans núas os camaróns que ficaban nas pucharcas no devalo da maré, a pescar con tanza e amocelo pequenos serráns e algunha maragota, e tamén a apañar caramuxos para logo agasallar aos meus cun petisco inesperado. Pasei moitas mañás perdidas con Antón, ao que logo daquel verán nunca volvín ver diante, mais cuxa imaxe regresa agora coa lectura deste “neno mariñeiro”, de Bernardino Graña.

Antón levoume unha tarde, mentres os irmáns durmían a sesta, a visitar a un carpinteiro de ribeira, que arquitectaba chalanas e gamelas e algunha outra embarcación algo máis grande para saír a ría a pescar con nasas, betas ou trasmallos. Gardo imaxe idealizada daquel carpinteiro e das ferramentas que el usaba, das distintas madeiras acostadas rente a parede e do engado daquel lugar, que para sempre identifiquei como lugar de paz e de traballo artesán. Entre os dous, o carpinteiro e mais Antón explicáronme os distintos nomes da chalana e da gamela e déronme unha clase práctica de como pescar o polbo con espello, que era ocupación privilexiada dos mariñeiros que na contorna vivían. A min pareceume algo máxico e pasados os anos quixen experimentalo cun par de amigos mariñeiros que coñecera nas miñas viaxes por Terranova, mais fóra do abraio de contemplar os fondos mariños pouco ou nada puiden izar a bordo, para rexouba dos amigos aos que tiven que convidar na baiuca do porto, pois perdera a aposta que fixeramos ao non ser eu quen de capturar un polbo.

Certo que o Morrazo da guerra que relata Bernardino non é o mesmo que o Rianxo dos anos sesenta, que eu vivín como experiencia epifánica, mais había e aínda hai moitas semellanzas entre estas comunidades mariñeiras da beiramar galega, onde os nenos comezan a ir ao mar cando apenas se lles asoma o lambizo, e todos eles saben das artes e das maneiras do mar, dos nomes dos peixes e das aves que sobrevoan as ondas, os paíños e as gaivotas, os mascatos, os corvos mariños e os biluricos. Cousas tan complexas que o uso e costume fan tan simples como saber lanzar o rizón, darlle larganza ás amarras, erguer os ollos e ficar como un papainas vendo xogar os arroaces na proa ou erguer do mar chocos e papardas, é algo que se aprende unha vez e non se esquece, aínda que as verbas que poidan designar esas sensacións e eses costumes aprendidos queden adormecidas nun recuncho da memoria por falta de uso. Agora retornan vivas, como traídas do sorrío polas augacións do mar, que un día me aprenderan a encontrar.

Aquel rapaz aprendeume tamén unha lingua ricaz de palabras que eu nunca escoitara nin son consciente de ter escoitado en moitos anos de vida que xa levo, e que agora xorden (ou mellor dito reaparecen) neste libro de Bernardino Graña.

Grazas pois Bernardino, ilustre druída das palabras, polo agasallo da súa escrita e por me traer ao maxín a lembranza de Antón, aquel neno mariñeiro, de orellas guichas e ollar ultramarino.

Xavier Queipo