A terceira onda |
|
Hai ben de anos que me preocupa o medio ambiente, o que vai en aumento, pois semella que estamos ante unha grave crise ecolóxica. Engadiría que tamén dunha importante crise antropolóxica. O devalar climático é consecuencia do desequilibrio ecolóxico e, para atacalo de vez (tarde para paralo aínda a tempo de minoralo) é necesario, coa inestimábel axuda da tecnoloxía, reverter algunhas das súas consecuencias máis dramáticas. Non teño medo, pois sigo aquela máxima que di: “matade ao deus do medo e seredes libres”. O deus do medo instaurouse entre nós e compre afastalo das nosas vidas e dos nosos sentimentos, miralo ao ollos e que saiba que temos capacidade de reacción e non un medo apocalíptico e incapacítante. Dixen conflito pois que outra cousa é o que estamos a vivir senón un conflito entre a natureza e a cultura, dúas realidades que non deberían ser antagónicas, mais que no seu confronto producen esta crise. Explicareime. Entendo por natureza non só o conxunto dos seres vivos, senón tamén as súas interaccións e as que estes teñen en fenómenos como é o clima (que na súa manifestación azarosa non deixa de estar condicionado por factores químicos ou biolóxicos). Entendo por cultura, algo máis que as artes que teñen musa asignada no panteón clásico como poden ser os comportamentos comerciais ou financeiros. A Humanidade foise afastando a ritmo variado da súa integración coa natureza. Isto levou ao aplicación acrítica dese mantra transmitido polas relixións monoteístas que sitúa ao xénero humano xa non só como o cumio da evolución senón tamén (e aquí entra a cultura) co dereito divino de “explotar” o mundo, que nos foi dado para o noso servicio privativo. Algúns identificaron “dominar o mundo” con destruílo e así nos vai. Nin todos os gobernos (e aqueles contra-poderes que os manipulan e controlan) o ven así e, mesmo diante da evidencia de que vivimos unha crise ecolóxica con consecuencias algunhas xa presentes (desaparición de especies e de hábitats, incremento das temperaturas medias, acidificación dos océanos) e outras aínda descoñecidas. Non queren velo ou pensan que é algo que se vai solucionar por si mesmo, coa axuda da tecnoloxía e da boa vontade. É certo que a tecnoloxía é unha das variábeis da esperanza, mais sen un compromiso ético (individual e colectivo), político (cambio de sistema, cambio de marco xurídico) e financeiro (financiación das solucións tecnolóxicas), a saída deste desequilibrio ecolóxico non vai chegar e daquela teremos a medio prazo (horizonte 2050) un mundo máis difícil de xestionar. Onte paseando por as rúas de Bruxelas, vin nunha farol un adhesivo coa seguinte mensaxe: “Give us the good life that was promissed”. Pareceume cínica en sentido duplo. En primeiro lugar o material era plástico dun só uso, o que vai contra toda ideoloxía ecoloxista (mesmo contra a que sustenta o sector mais reformista). En segundo lugar demandaba unha solución aos outros, coma se a solución non precisara da contribución de todos nós, membros da sociedade, e máis daqueles que teñen a capacidade analítica abonda como para se cuestionar o modelo e o tempo bastante para dedicar a súa vida a pegar mensaxes plásticas nos farois, contribuíndo á manipulación da opinión pública con mensaxes simplistas e cínicos. Son os mesmos que non dubidan en coller un voo low cost todas as fines de semana para viaxar a Berlín ou Copenhague, a Madrid ou Budapest, deixando en cada un deses voos unha pegada ecolóxica da que deberían ser máis conscientes (as pegadas de CO2 aparecen nos billetes de avión e non se pode argüír ignorancia). E necesario re-pensar os mil e fíos que nos unen/separan da natureza, repensar a relación da nosa cultura con ela e facelo rápido, a velocidade do 5G, pois senón, os que sobrevivan de aquí a 50 anos non só non terán “a boa vida que lles prometeran”, senón que terán os cerebros hackeados, a súa esperanza de vida reducida e a súa capacidade de recuperación como especie seriamente minguada. Xavier Queipo
|
|